A ocupación hoteleira do Carballiño foi total durante practicamente todo o mes de agosto, o turismo internacional triplicouse o o nacional duplicouse, según os datos do concello.
Os hoteis do Carballiño colgaron o cartel de completo durante todo o mes de agosto. A ocupación acadou o 100% durante practicamente todo o mes datas clave como a Festa do Pulpo ou a celebración do Rally Pazo Tizón incluso foi preciso derivar aos visitantes a outros establecementos hoteleiros da contorna, tanto da comarca como a propia cidade de Ourense.
Estes datos dan alento a un sector que aínda prevé boas cifras de ocupación de cara a mes de setembro, cando se celebrarán as festas en honor ao patrón da vila. As cifras xa foran boas ao comezo do verán, xa que a pesar da vaga de calor a ocupación hoteleira superou o 80 % de media entre os meses de xuño e xullo.
No relativo ao número de persoas que se achegaron a Oficina de Turismo durante o mes de agosto, superábanse as 800 a día de onte, destacando os visitantes doutros países. O turismo internacional triplicouse en dous anos e o nacional duplicouse. En canto a este último, o 25 % das persoas que se achegaron á Oficina de Turismo foron galegos, o 14% cataláns e o 13 % madrileños. A Veracruz foi o gran reclamo, ademais da programación da Festa do Pulpo.
No cámping Arenteiro foron preto de 250 os visitantes rexistrados no mes de agosto, unha cifra moi superior á rexistrada en xullo. En canto a procedencia do turismo internacional, foron 54 de Francia, 12 de Portugal, 10 de Alemaña, 8 de Holanda, 4 de Italia, 2 de Arxentina e 1 de Inglaterra. En canto ao turismo nacional, chegaron ao cámping 34 persoas de Galicia, 26 de Asturias, 23 de Madrid, 16 de Cataluña, 13 de Castela León, 12 do País Vasco, 11 de Valencia, 8 de Cantabria e outros tantos de Andalucía e 5 de Castela- A Mancha.
O retorno de emigrantes faise patente nas cifras de turismo do Carballiño, convertendo a vila nun dos destinos preferentes para pasar os meses de verán na provincia de Ourense.
Desde o goberno local, tanto o alcalde, Francisco Fumega, como o concelleiro de Turismo, Manolo Dacal, consideran que estas cifras avalan que este foi un dos mellores veráns para O Carballiño, especialmente para sectores como hoteleiro, hostaleiro e o comercio.
“O turismo é unha fonte de riqueza moi importante para esta vila, pero o potencial é aínda maior. Así que temos que seguir apostando por el, especialmente tras a declaración da Festa do Pulpo como de Interese Turístico Internacional, pero tamén por ampliar capacidades e mellorar os servicios que prestamos”, explica o alcalde, Francisco Fumega. “A xente ven cada vez máis ao Carballiño e vaise contenta, tanto pola ampla programación de actividades coa que se atopan como polo ambiente que hai na vila durante todo o verán, pero iso debe facernos máis ambiciosos para seguir traballando por un Carballiño máis turístico, de máis calidade e máis sostible”, engadiu. O rexedor tamén subliñou que o concello foi un exemplo de convivencia entre habitantes e visitantes pese ao importante incremento destes últimos.