A oposición á incineradora recollerá firmas para unha "Iniciativa Lexislativa Popular"

15, Marzo 2012

Será necesario, como mínimo, reunir 15.000 firmas para tramitar ante o Parlamento de Galicia esta Iniciativa Lexislativa Popular, que terá como obxetivo paralizar a instalación da incineradora.

A Asociación Medioambiental Incineradora no Deza Non, que xunto as plataformas constituídas no Irixo e O Carballiño, ven distinguindose pola súa súa oposición a este proxecto industrial para o tratamento do lixo, anunciou a posta en marcha dunha campaña de recollida de sinaturas con esta intención, promover unha proposición de lei mediante a presentación dunha Iniciativa Lexislativa Popular. Para elo, ademáis da recollida de firmas -que se extenderá a toda Galicia- tamén prevé a constitución dunha comisión redactora e a apertura dun calendario de negociacións cos grupos políticos do Parlamento de Galicia.

CONCERTOS MUSICAIS "CONTRA A INCINERACIÓN"

Para o vindeiro mes de abril a Asociación Medioambiental Incineradora no Deza Non e a Coordenadora Veciñal Incineradora no Irixo Non, traballarán na organización de concertos musicais "contra a incineración", cos que pretenden seguir concienciando á poboación sobre a problemática que representa a incineración como modelo para o tratamento do lixo.

Os concertos, nos que participarán varios grupos musicais das comarcas do Carballiño e O Deza, celebraránse os sábados 14 e 21 do vindeiro mes de abril, o primeiro no Irixo e o segundo en Lalín.