Os 3 grupos da oposición lamentan a falta de respecto por parte do goberno do concello " ao sermos convidados aos actos do 8-M con 55 minutos de antelación"

9, Marzo 2022

Os 3 grupos políticos que conforman a oposición municipal do Concello do Carballiño -PP, ESCO e BNG- afean a actitude do "goberno do PSOE do Carballiño co seu alcalde á cabeza" ao que acusan de exercer a maioria absoluta "sen apenas escoitar á oposición".

Desta vez, a oposición lamenta " este desprezo pola oposición non se queda só neste tipo de cuestións xa que, rachando con tódalas pautas establecidas en democracia, teiman en tentar facernos de menos incluso nos actos institucionais.Temos un bo exemplo nos da xornada de onte, 8 de marzo, polo Día Internacional da Muller. Unha data que só debera xerar consenso e na que se tiña que procurar a maior das participacións e que, sen embargo, un ano máis remata por provocar conflito por mor do xeito de ser xestionada".

Os 3 grupos políticos na oposición municipal manifestan publicamente a súa indignación porque "non é de recibo que se avise aos concelleiros da oposición con ¡¡55 minutos de antelación!! a súa celebración por medio dunha mensaxe de whatsapp dunha funcionaria".

E recórdanlle ao goberno socialista que "os 8 concelleiros que conformamos os grupos de Partido Popular, Espazo Común e Bloque Nacionalista Galego representamos a máis de 3.500 veciños e veciñas do Carballiño que depositaron en nós a súa confianza nas eleccións e non podemos consentir estas recorrentes actitudes antidemocráticas que deslexitiman a vontade destes cidadáns e vulneran o espírito dunha democracia representativa, achegándonos máis a comportamentos ditatoriais".

Finalmente, demandan a Fumega e ao seu goberno "unha rectificación inmediata e o cese deste tipo de comportamentos que só ensucian o bo nome do Concello do Carballiño".