Os alcaldes da comarca apoian a creación dun grupo comarcal para a atención das emerxencias
Os alcaldes da Comarca apoiaron, na reunión convocada polo rexedor carballiñés, crear un grupo de emerxencias de carácter comarcal e, mesmo de forma permanente con independencia da posta en marcha do Parque de Bombeiros.
A esta conclusión chegouse tras escoitar as explicacións do coordinador de Protección Civil do Carballiño, Juan Míguez, asi como a proposta feita polo alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes.
O obxectivo, unha vez concluida a reunión, quedou claro, contar cun grupo de emerxencias que cubra todos os concellos da comarca, e mesmo contando con concellos que non teñen este tipo de servizos nin parque de bombeiros, aínda que non pertenzan á comarca.
Para logralo iniciaranse unha serie de reunións tanto coa Xunta de Galicia coma coa Deputación, para buscar vías de financiamento que axuden a formar este grupo.
Estas reunións serán solicitadas o máis pronto posible para non dilatar no tempo a actual situación da bisbarra en materia de emerxencias.
Á reunión acudiron os alcaldes de Piñor, Maside, O Carballiño, Boborás, e San Amaro, escusando a súa presenza os de Beariz, Punxín e San Cristobo de Cea, aínda que apoiando a decisión que se adoptara. O Irixo estivo representado polo tenente alcalde Manuel Cerdeira.