Os alcaldes de Cea, Beariz e Piñor, e os portavoces municipais do Carballiño e Maside, pasan a formar parte da Xunta Xestora do Partido Popular na provincia, tras ratificarse a proposta de Luis Menor.
O Partido Popular da comarca do Carballiño conta con cinco representantes na Xestora Provincial que dirixirá a formación política na provincia ata a celebración do próximo congreso provincial, asi o aprobou o Comité Executivo do PPdeG a proposta de Luis Menor. Deste órgano pasan a formar parte os veteranos alcaldes de Beariz, Manuel Prado e San Cristovo de Cea, José Luis Valladares, ambos participarn no chamado "Consello de Veteranos".
Os outros tres representantes da comarca do Carballiño son o alcalde de Piñor, José Luis González, asi como os portavoces municipais do Partido Popular nos concellos do Carballiño, Lino González, e Maside, Nacho Campo. Ademáis, como integrante nata tamén forma parte da xestora a alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, na súa condición de deputada provincial.
O Comité Executivo do PPdeG aprobou esta proposta feita polo presidente da xestora provincial de Ourense, Luis Menor, dos 88 membros que formarán parte do único órgano que rexerá o partido ata a celebración do próximo congreso provincial. Logo de que este órgano aprobase a proposta, o presidente dos populares galegos, Alfonso Rueda, quixo destacar deste proceso interno que “onde moitos vían moitas dificultades, todo culminou con normalidade e con xenerosidade”.
Pola súa banda, Luis Menor explicou que a súa proposta inclúe unha ampla lista de persoas “para conseguir a máxima representatividade de toda a provincia, xuntando a experiencia con xente que nunca estivo na primeira liña política e procedentes dos máis diversos ámbitos de actividade”.
Destacou neste sentido a creación dun Consello de Veteranos “con homes e mulleres do partido que atesouran un importante caudal político”. O obxectivo máis inmediato que ten o PP de Ourense, afirmou, é “poñer ao partido a pleno rendemento para dar a primeira maioría absoluta a Alfonso Rueda e a quinta do PPdeG en Galicia”.
A xestora terá 32 membros natos, entre representantes nas Cortes Xerais, no Parlamento de Galicia, na Deputación Provincial e cargos do Goberno galego; así como outras 47 persoas procedentes fundamentalmente da política local e os 9 integrantes do Consello de Veteranos.