Os alcaldes do Carballiño, Cea, Piñor e Maside, fan causa común e demandarán do goberno unha conexión entre as autovías A-56 e AG-53

27, Decembro 2021

A proposta partíu do alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares, e foi refrendada no transcurso dunha intervención en COPE O Carballiño polo rexedor municipal carballiñés, Francisco Fumega. Tamén manifestaron xa o seu incondicional apoio os alcaldes de Piñor e Maside, José Luis González e José Manuel Iglesias, asi como Julio Yebra, alcalde do concello lucense de Carballedo.

Na actualidade, a autovía Lugo-Ourense coñecida como a A-56 tan so ten un tramo operativo, entre A Barrela e San Martiño de 8,8 quilómetros de extensión, mentres que o resto do trazado manténse en fase de proxecto. Este trazado, dende o límite entre as provincias de Lugo e Ourense ten continuidade nos tramos San Martiño-Cambeo, e Cambeo-Ourense Norte, a través da localidade de Cudeiro, un proxecto que conta con moita contestación social.

O alcalde de Cea teno claro "a alternativa que imos defender entre San Martiño e a conexión coa AG-53 ten un impacto medio ambiental moito maís asumible, e dende logo un menor coste económico, trátase de simple sentido común, aínda que se lle chame a autovia Lugo-Ourense, tamén se chama á AG-53 a autovia Santiago-Ourense, e en realidade acaba en Barbantes, o que nos propoñemos é a conexión da autovia de Lugo coa de Santiago, e consideramos que técnicamente podía facerse a altura da rotonda da Ariz", explica Valladares.

A proposta dos alcades da comarca carballiñesa non está exenta de lóxica, se pensamos que a futura autovia A-56 está chamada a canalizar o tráfico procedente do sur de Galicia e o norte de Portugal cara o norte peninsular, un tráfico procedente en gran parte da autovia de Vigo, que aforraría tempo e quilómetros respecto a alternativa a través de Ourense-Cambeo-San Martiño.

Pola súa parte, o alcalde do Carballiño incide na importancia estratéxica desta conexión directa coa autovia de Lugo "que reforzaría a nosa posición privilexiada como nudo de comunicacións, e sería de moita importancia para o desenvolvemento das áreas industrias de Cea e O Carballiño -Maside", subliñou Fumega.

Os alcaldes agardan sumar máis apoios a esta proposta, presentarán iniciativas institucionais nos concellos, e entrevistaránse co Subdelegado do Goberno para demandar que o Ministerio de Transporte, Movilidad y Agenda Urbana, estude esta posiblidade de construcción desta conexión entre as autovias de Lugo e Santiago.

 

 

 .