Os candidatos populares en Punxín, O Irixo e Piñor, únicos ausentes nos debates electorais

20, Maio 2015

Un total de 31 candidaturas son as que se presentan a estas elecccións municipais no conxunto dos 9 concellos nos que COPE O Carballiño organizou debates electorais.

Pois ben, tres foron as ausencias a estas convocatorias, que están sendo a gran novidade da campaña electoral na comarca, xa que -agás O Carballiño- no resto dos concellos é a primeira vez que se organizan este tipo de debates. Todos estaban formalmente invitados, pero tres deles declinaron a invitación.

O candidato popular en Punxín Manuel Vázquez "Casalta" comunicou previamente a esta emisora de radio que non asistiría "eu non ando nesas cousas", foi o seu único argumento.

Máis rocambolesca foi a desculpa do candidato do Partido Popular en Piñor "non vou poder acudir porque o alcalde convocou unha comisión informativa a esa hora e nin él nin eu podemos ir", asegurou. Curiosamente, neste debate -ao que corresponde a foto- sí participou o alcalde e candidato socialista Francisco Fraga, xunto a Xabier Saco do BNG e Uxío Rodríguez, da Agrupación "Veciños de Piñor".

Tampouco parece que sexa de interese este exercio de democracia para o alcalde do Irixo e candidato do Partido Popular, Manuel Penedo, que nin acudíu ao debate nin disculpou a súa ausencia.