Os centros educativos da Comarca, protagonistas do dia da árbore, a auga e a poesia na Insúa dos Poetas
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou este xoves dia 22 de Marzo na celebración dos Días Mundiais da Auga, da Árbore e da Poesía na Insua dos Poetas, na Esgueva, Madarnás (O Carballiño), onde os protagonistas foron os máis de 250 alumnos procedentes de centros de ensino da comarca do Carballiño, quen realizaron diferentes actuacións artísticas que tiñan como eixo central a auga, por ser hoxe o seu Día Mundial. O presidente da Deputación de Ourense manifestou o seu orgullo por participar na Insua do Poetas que "vive, revive e luce as súas mellores galas" e felicitou aos profesores por facer realidade "un soño como este, e darlle vida o noso rural ao estar hoxe nun enclave paradisíaco como este".
Baltar aludiu no seu discurso ao logo da "Ourensanía", alí presente, ao afirmar que representa a "nosa personalidade, a dunha provincia de auga e pedra, a provincia termal, onde temos desde unha estación de esquí, na que a auga está nese estado neve, ata esas láminas de auga do río onde se veñen a preparar para as olimpíadas e campionatos do mundo as mellores seleccións internacionais".
O presidente do goberno provincial dixo aos rapaces que eles son "a parte fundamental dese Ourense, do presente e do futuro, que hoxe nos trae aquí para falar de medio ambiente e de auga". No acto tamén participou o presidente da Fundación Ínsua dos Poetas e do PEN Galicia, Luis González Tosar; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
O presidente da Fundación Insua dos Poetas dixo que este ano "chegamos ao décimo aniversario desta actividade, unha celebración consolidada, que xira entorno a estas tres cuestións: a poesía, a auga e a árbore", sinalou Luis Gónzalez Tosar, quen destacou "o labor dos centros educativos participantes e o protagonismo dos escolares, os ourensáns do futuro, nesta celebración". Asemade, González Tosar salientou "o compromiso da mocidade actual, co respecto pola natureza e pola defensa do medio natural", destacando a importancia que ten auga por ser "o ben máis prezado da humanidade".
Pola súa banda, Valentín García centrou o seu discurso na importancia da palabra "que nos achega valores e nos permite relacionarnos", e engadiu "esta tremenda riqueza irá sempre con vós; a palabra, a identidade, e a cultura acompañaravos sempre".
Mentres que, o alcalde do Carballiño incidiu na importancia que ten a auga na nosa vida afirmando que "a cantidade de auga que hai no planeta é sempre a mesma, pero introducimos cada vez máis cantidade de auga no ciclo vital e no ciclo industrial, e devolvémola contaminada, polo que é un ben que pasou de ser libre a escaso".
Á celebración asistiron alumnos e profesores dos centros educativos da comarca do Carballiño, e tamén do colexio Maristas de Ourense.
Os estudantes realizaron unha actuación que tiña como fío condutor a auga, poñendo música, poesía, relatos e cor a esta celebración. Cada actuación estaba dividida en dúas partes: unha presentación e xustificación da palabra elixida e relacionada coa auga como dedicatoria á Fonte das Sete palabras, e a actuación escénica de canción, microteatros, poemas, xogos... sobre diferentes temáticas vencelladas á auga. Como remate das actividades, os alumnos dividíronse en grupos para plantar árbores de distintas especies autóctonas (castiñeiro, bidueiro, carballo, salgueiro, freixo...) na Insua dos Poetas.
A Fundación "Insua dos Poetas", declarada de Interese Galego, ten como fins a promoción e o fomento da lingua e da cultura galegas, a defensa do medio natural e o diálogo entre natureza, artes plásticas e literatura.