Os colexios de Maside, San Amaro, O Irixo e Beariz acollen o proxecto "Enredando, Artesanía na Escola"
O CPI Terras de Maside do concello de Maside acolle desde esta semana o proxecto Enredando, artesanía na escola, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Economía e Industria a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño que ten por obxectivo achegar aos máis novos os oficios artesanais, contribuíndo así á promoción e posta en valor do sector artesán galego.
Dentro deste proxecto, hoxe presentouse no centro educativo ourensán a unidade didáctica O Gremio da seda, na que o alumnado participará no proceso de produción da seda, desde a cría e evolución dos vermes ata a extracción desta para a confección do fío na seguinte fase.
A actividade, na que os alumnos continuarán a traballar o curso que vén, chegará nas próximas semanas a un total de 16 centros educativos de toda Galicia. Na comarca do Carballiño celebrarase, ademais de en Maside, no CEIP de Beariz, no CEIP Virxe da Pena da Sela no Irixo e no CEIP Eulogio Gómez Franqueira en San Amaro.
Enredando, artesanía na escola conta tamén cunha unidade didáctica centrada na elaboración e encadernado de papel, Do papel ao libro, para alumnado de 3º ciclo de primaria e 1º ciclo de secundaria, cuxa segunda tempada continúa desenvolvéndose en diferentes centros educativos.
Os principais obxectivos deste proxecto, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, son concienciar a sociedade do valor do produto feito á man así como presentarlle aos rapaces e rapazas que a artesanía pode ser tamén unha boa alternativa para o seu futuro laboral; atallar o problema da falta de relevo xeracional nos oficios máis tradicionais promovendo o desenvolvemento da artesanía galega a través da formación de futuros artesáns creadores; e amosar á sociedade o valor engadido da artesanía en canto á súa creatividade, patrimonio cultural e tradición.