Os concellos da comarca que atravesa a N-541 suman apoios para instar ao Goberno para que acometa a mellora da estrada e estudie a viabilidade da autovía O Carballiño-Pontevedra
Os alcaldes e alcaldesas asinantes do Pacto de Pedre (Jorge Cubela, de Cerdedo-Cotobade; Patricia Torres, de Boborás; Manuel Prado, de Beariz; Manuel Vázquez, de Punxín; Susana Iglesias, do Irixo, Manuel Iglesias, de Maside, e Francisco Fumega, do Carballiño), mantiveron hoxe unha reunión co presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor para solicitar o apoio da institución provincial na reivindicación da mellora integral da estrada N-541.
Luis Menor recalcou a importancia da petición unánime dos alcaldes dos municipios afectados de dúas provincias. Sinalou que o tráxico accidente na Noiteboa de 2022, con 7 falecementos, amosou a crudeza da situación de falta de seguridade que ten unha vía que vertebra dúas provincias e une dúas capitais de provincia. "A estrada está igual que hai 30 anos, salvo algún remendo que en nada mudou a situación. A Deputación non pode ser máis que solidaria e reivindicativa cunha petición de aumento da seguridade, pois as mortes non as podemos soportar", recalcou.
Luis Menor tamén abundou no valor estratéxico que ten esta estrada para o desenvolvemento económico de dous territorios. "Por iso precisamos maior ambición: por suposto, e en primeiro lugar, unha reforma que é máis que necesaria. Pero iso debémolo combinar cunha vía de alta capacidade que una as capitais das provincias de Ourense e Pontevedra. Sería a solución definitiva para vertebrar, solucionando os problemas actuais e dispoñendo dunha conexión sólida e de futuro na que o Goberno central se debe poñer a traballar, polo ben de ambas provincias".
Jorge Cubela, que falou en nome dos alcaldes firmantes do Pacto de Pedre, agradeceu o apoio da Deputación de Ourense e a sensibilidade do seu presidente, Luis Menor, respecto á súa petición: a mellora integral da N-541. A súa falta de adherencia, situación actual e estado de conservación está provocando unha grave inseguridade para as persoas, con demasiados sinistros de tráfico. E sinalou como necesidade inmediata unha capa de rodadura no seu trazado integral e mellora nos accesos aos núcleos poboacionais.