Os Concellos de Boborás, O Irixo e Piñor incorporanse ó programa "Xantar na Casa"
O servizo Xantar na Casa comezará a prestarse nos concellos de Boborás, O Irixo, e Piñor en virtude dos convenios asinados polos alcaldes destas localidades e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Ourense. Un total de 76 veciños destes concellos beneficiaranse polo momento do servizo que ten xa 1.031 usuarios repartidos entre as catro provincias galegas, persoas ás que se lles garante unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás súas necesidades.O obxectivo principal de Xantar na Casa é mellorar o nivel de benestar e de calidade de vida de moitas persoas maiores e/ou dependentes, e tamén das súas familias, manténdoas no seu contorno familiar e comunitario e retardando ou evitando a institucionalización. Ao mesmo tempo, facilitase un respiro ás familias e aos coidadores e un seguimento e acompañamento de cada persoa beneficiaria do servizo por parte dos profesionais que acoden aos domicilios.Benefícianse deste programa persoas maiores de 60 anos cunha autonomía persoal limitada, dependentes que carecen de apoio familiar e persoas menores de 60 anos en situación de exclusión social dos concellos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. En canto ao funcionamento, o transporte dos menús realízase en vehículos adaptados mantendo a temperatura e a refrixeración imprescindible. Os xantares se entregan nun único día á semana nos domicilios das persoas beneficiarias, que reciben sete bandexas diferentes co xantar para cada día. O prezo do menú diario é de 6,93 euros, dos que a Xunta, a través do Consorcio, aporta 3,23, mentres que o Concello e o usuario poñen, cada un, 1,85 euros ó día..