Os concellos de Boborás, San Amaro e O Carballiño únense para xestionar un novo Obradoiro de Emprego
O orzamento do novo proxecto de Obradoiro intermunicipal ascende a 300.000 euros, dos que os 3 concellos deberán aportar 43.000 euros. Durante seis meses dará traballo e formación a 39 desempregados dos tres municipios.
O novo obradoiro contará con catro módulos, dos que dous actuarán no concello do Carballiño -albanelaría e carpintaría- e os otros dous en Boborás e San Amaro, respectivamente. Ademáis do alumnado, completarán o cadro de persoal un director, cinco profesores-monitores e un administrativo.
No caso do concello carballiñés, os traballos centraránse fundamentalmente na recuperación do patrimonio etnográfico nas parroquias de Mudelos, Seoane e Arcos, e na mellora dos accesos ao cemiterio de Señorín.
No concello de San Amaro acometeráse a reforma da antiga escola da parroquia de Anllo. No concello de Boborás a actuación prevista é a recuperación e acondicionamento dunha ruta de sendeirismo.