Os concellos de Leiro e Boborás asinan convenios de colaboración coa Xunta por importe de 745.000 euros para mellorar redes de abastecemento e outras obras en Brués e Leiro.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez e os alcaldes de Leiro e de Boborás, Francisco José Fernández e Ana Patricia Torres, respectivamente, asinaron esta mañá nas dependencias da delegación territorial da Xunta en Ourense, o convenio de colaboración para a mellora do sistema municipal de abastecemento do municipio de Leiro, cun investimento de 360.000 euros.
Mediante este acordo, impúlsase a execución das obras de renovación de tubaxe desde Pazos de Arenteiro, no municipio de Boborás, á estación de tratamento de auga potable de Leiro, co fin de resolver os frecuentes problemas de funcionamento que se producen neste treito de condución que abastece á potabilizadora e ao depósito de Leiro.
No mesmo acto, Vázquez Mourelle e a alcaldesa de Boborás selaron tamén o acordo de cooperación para executar as obras de mellora das redes de abastecemento, saneamento e pluviais neste municipio, no núcleo de Brués, que suporán un investimento de 385.000 euros.
O departamento que preside Ethel Vázquez apoiará aos concellos no desenvolvemento das súas competencias municipais cofinanciando as actuacións previstas en ambos os dous concellos no 80% do seu orzamento total.
Para as obras de mellora do sistema municipal de abastecemento do municipio de Leiro, Augas de Galicia reserva un investimento de 308.000 euros; e para as actuacións de mellora das redes municipais de abastecemento, saneamento e pluviais en Boborás a entidade hidráulica da Xunta destinará un orzamento de 308.000 euros
Pola súa banda as entidades locais achegarán o 20% restante do importe das actuacións que corresponden cos seus respectivos servizos municipais. Ademais, os concellos de Leiro e de Boborás asumen a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, posta en servizo, mantemento, explotación.
As intervencións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.
Actuacións en Leiro
O Concello de Leiro abastécese dunha captación situada no concello de Boborás, na canle de derivación do encoro de Albarellos. A auga trátase nunha estación de tratamento de auga potable existente no municipio de Leiro e distribúese a través dunha condución cunha lonxitude aproximada de algo máis de 7 quilómetros de lonxitude, dos cales máis de 4,7 se sitúan no termo municipal de Boborás e preto de 2,4 no municipio de Leiro.
Debido á antigüidade da condución que conecta a captación coa potabilizadora, son moi frecuentes as roturas, o que provoca faltas no subministro de auga á poboación.
Coas actuacións proxectadas desde Augas de Galicia, o convenio asinado hoxe permite impulsar a renovación da rede municipal mediante a substitución da tubaxe existente e a instalación de ventosas para a eliminación do aire que se acumule na rede e válvulas de baleirado nos puntos baixos, coa finalidade de garantir o abastecemento á poboación.
As obras darán servicio a unha poboación fixa de 1.568 habitantes para o ano horizonte 2045.
A intervención en Boborás
As redes municipais de abastecemento e saneamento no entorno da estrada N-541, no núcleo de Brués, teñen máis de 50 anos de antigüidade, presentando numerosas deficiencias derivadas do vencemento da súa vida útil. Isto tradúcese na existencia de fugas e perdas de auga e filtracións que derivan en ineficiencias no uso da auga.
Ademais, practicamente non existe rede de pluviais, polo que as entradas de auga de chuvia nos colectores está dificultando a depuración das augas residuais.
Mediante o convenio asinado hoxe impúlsanse as actuacións necesarias para a solución destas deficiencias, a través da renovación das redes de abastecemento, saneamento e pluviais na travesía da estrada nacional N-541.
As obras consisten na construción dun novo tramo de rede de augas pluviais e na renovación das instalacións vinculadas á auga na travesía da N-541 ao seu paso polo núcleo de Brués.
A Xunta continúa prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar os servizos de saneamento e abastecemento, de competencia municipal, aos seus veciños de xeito eficiente.