Os concellos de San Cristovo de Cea, Piñor e O Carballiño celebran actos conmemorativos do 25-N como "Dia internacional contra a violencia de xénero"
O Concello de San Cristovo de Cea súmase aos actos conmemorativos do 25-N coa convocatoria dunha concentración na Praza Maior de Cea á unha da tarde baixo o lema "Unamos as nosas mans para dicir NON á violencia de xénero".
Doutra parte, o centro social da Albarona acollerá o acto conmemorativo no concello de Piñor, que incluirá a presentación do calendario do ano 2017 editado polo concello piñorense contra a violencia de xénero, que logo será distribuído entre a veciñanza do municipio. Ademáis, celebraráse un taller sobre a influencia dos medios na problemática da violencia de xénero.
Xa no concello do Carballiño, o Centro de Información da Muller, adscrito á concellería de Benestar, Igualdade e Saúde, organiza para este venres, 25 de novembro, un acto solidario e reivindicativo polo Día Internacional contra a violencia de xénero.
Neste acto, que foi presentado pola concelleira Marina Ortega, e que desenvolverá no salón de sesións do concello ás 12, participará o alumnado dos centros educativos do Carballiño, a Escola Infantil Trastes, Bo Día Familia, Cruz Vermella, ASPADISI, ASDIFICA, Conservatorio e Asociacións de Mulleres. Asemade, actuará a cantautora carballiñesa Inés Vázquez. Marina Ortega fixo unha invitación a toda a veciñanza para que asista a este acto como mostra de solidariedade coas persoas que sufren calquera tipo de violencia de xénero.
Asemade, presentou o resto da programación prevista para conmemorar esta efeméride mundial. Así, o 29 de novembro terá lugar un coloquio, co tema “A orixe da violencia de xénero: adolescencia”, coa intervención dos ponentes Patricia Gómez Salgado, investigadora e docente na facultade de Psicología da USC, e Albino Ferreira Rivera, avogado. O coloquio celebrarase no salón de plenos ás 8 da tarde.
Dentro deste mesmo programa o 30 de novembro terán lugar unhas charlas informativas a cargo do persoal do Centro de recuperación integral para vítimas de violencia de xénero sobre as consecuencias desta violencia nas mulleres, nos nenos e nas nenas e pautas para a súa abordaxe. Terán lugar no IES Chamoso Lamas. Finalmente, o 16 de decembro reunirase a Mesa de coordinación para a mellora da atención ás vítimas de violencia de xénero.
Na foto, Marina Ortega, concelleira de Benestar, Igualdade e Saúde.