Os concellos do Carballiño, Boborás e Carballeda de Avia ofertan a súa veciñanza "termalismo contra a soedade non desexada", que financia a Deputación e que incorporara novos concellos para o próximo ano.
O presidente provincial anunciou que no vindeiro ano a Deputación duplicará esta iniciativa, pasando de dous a catro os balnearios da provincia nos que se desenvolverá o programa, e aumentando ata dez os concellos cos que se podería conveniar o seu desenvolvemento (actualmente existe convenio con Boborás, O Carballiño e Carballeda de Avia). Deste xeito, poderase aumentar ata 150 o número de usuarios no ano 2024, cando na actualidade son 77 os beneficiarios.
O presidente da Deputación, Luis Menor, visitou o Balneario de Partovia para coñecer de primeira man o desenvolvemento do programa de termalismo contra a soidade non desexada, así como as demáis modalidades do programa provincial que teñen lugar neste histórico centro termal. Na visita, Luis Menor estivo acompañado pola deputada de Políticas Sociais e alcaldesa de Boborás, Patricia Torres; así como polo alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; e a directora do Balneario de Partovia, Eva Álvarez.
“A Organización Mundial da Saúde ten declarada a soidade non desexada como un problema de saúde pública, e nese eido estamos a traballar na Deputación, onde a través da área de Benestar fixámonos un obxectivo de mandato: que no 2027 se superen as 500 persoas maiores con acceso aos balnearios como recurso idóneo de saúde física e emocional”, explicou Luis Menor. “A loita contra a soidade é un reto para as administracións e a sociedade en xeral, e por iso non podemos mirar cara outro lado, senón intensificar os esforzos para contribuír a atallala”.
O presidente provincial tivo a oportunidade de coñecer de primeira man a satisfacción das persoas usuarias co programa. Luis Menor garantiu que o programa de termalismo para loitar contra a soidade non desexada non só terá continuidade, senón que será reforzado e as persoas usuarias na actualidade terán a praza garantida en 2024 se así o consideran.
O programa de termalismo contra a soidade non desexada iniciado este ano permite a 77 usuarios acceder todas as semanas a un balneario para recibir terapias termais en grupo. Esta é a achega diferencial desta modalidade do Programa de Termalismo provincial posta en marcha este ano: non se trata dun acceso puntual durante uns determinados días ao ano a un balneario, como a modalidade de estancias ou a de tratamentos, senón que é unha modalidade de goce semanal, durante un período comprendido entre 6 e 9 meses. As terapias que se reciben, en grupos de 20 persoas como máximo, inclúen o acceso a servizos termais, que se complementan con actividades grupais de diferente natureza que xuntan a experiencia social cos beneficios da auga mineromedicinal.
Acceso ao programa
Ao “termalismo contra a soidade non desexada” pódese acceder a través dos servizos sociais dos concellos ou do servizo provincial de teleasistencia. Unha das posibilidades que contemplan as bases reguladoras do programa é a posibilidade de crear quendas para establecer convenios cos concellos, grupos de concellos ou mancomunidades, para que as todas prazas dun grupo sexan xestionadas desde os servizos sociais da entidade local. Son, por tanto, os servizos sociais municipais os que avalían a situación de soidade non desexada da persoa e onde deben dirixirse as persoas interesadas para participar no programa, xa que é desde este ámbito municipal desde onde se asignan as prazas dispoñibles.
Máis convenios
Os actuais convenios asinados con Boborás, Carballeda de Avia e O Carballiño posibilitaron que as persoas residentes nestes municipios tivesen acceso ao programa, sendo os servizos sociais de cada concello os que asignaron as prazas dispoñibles. En 2024, os convenios poderanse estender a máis de dez concellos, e aqueles responsables municipais ou os servizos sociais correspondentes que teñan interese poden contactar desde hoxe coa área de Benestar da Deputación para dispoñer de máis información e expor as preguntas que consideren.