Os concellos do Carballiño e Maside únense no "Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable" na loita contra o cambio climático
Un dos problemas ambientais primordiais ao que se enfronta a nosa sociedade na actualidade é a loita contra o cambio climático. Aínda que este preséntase como un fenómeno de dimensións globais que debe ser abordado no ámbito internacional, o feito é que a súa solución pasa, necesariamente, polo traballo conxunto de todos os sectores da sociedade, incluídos os diferentes niveis administrativos e, dentro destes, mención especial merece o labor dos concellos pola súa proximidade e relación directa cos cidadáns.
A Comisión Europea puxo en marcha en 2008 o Pacto dos Alcaldes (Covenant of Mayors), unha iniciativa aberta a todas as cidades e concellos en Europa co obxectivo de involucrar ás autoridades locais e aos cidadáns no desenvolvemento e a aplicación da política enerxética da Unión Europea. A partir do éxito do Pacto dos Alcaldes, en 2014 lanzouse a iniciativa Mayors´ Adapt, baseada no mesmo modelo de gestión pública, mediante a que se convidaba ás cidades para asumir compromisos políticos e tomar medidas para anticiparse para os efectos inevitables do cambio climático.
O 15 de outubro de 2015, a Comisión Europea lanzou o Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía (Covenant of Mayors for Climate & Energy), o maior movemento mundial de autoridades para loitar contra o cambio climático, fusionando as iniciativas anteriores. Esta nova ferramenta pretende reunir aos alcaldes das cidades europeas nunha rede permanente de intercambio de información para a aplicación de boas prácticas: mellorar a eficiencia enerxética no ámbito urbano, conseguir unha redución das emisións de CO2 no ámbito territorial local e aumentar a resiliencia fronte ao cambio climático.
O Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía consiste no compromiso dos concellos signatarios de facer propios os obxectivos da Unión Europea para o ano 2030 e reducir as emisións de CO2 no seu territorio en, polo menos, o 40% a través de medidas de eficiencia enerxética e dun maior uso de fontes de enerxía renovable, traballando á súa vez na implantación de medidas de adaptación ao cambio climático e aumento da resiliencia fronte a este, así como un aumento da cooperación coas autoridades locais e rexionais similares na Unión Europea e fóra dela para mellorar o acceso á enerxía segura, sostible e alcanzable.
Para alcanzar estes obxectivos, os concellos adheridos ao Pacto comprométense a redactar un Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES), nun prazo máximo de dous anos desde a data de adhesión que mostre a situación de partida fronte aos compromisos municipais fronte ao clima, recolla e programe as accións necesarias para o cumprimento dos obxectivos do Pacto e permita dar conta do cumprimento do Pacto á Oficina do Pacto das Alcaldías, a través da presentación de inventarios de seguimento cada dous anos, unha vez aprobado o PACES. O PACES inclúe un Inventario de Emisións de Referencia (IER) e unha avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático. Ademais, cada dous anos deberase presentar un informe de seguimento do PACES.
O Pacto, está coordinado en Galicia pola Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que, segundo o establecido no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a súa estrutura orgánica, é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao que corresponden, entre outras, as competencias e funcións en materia de ambiente, conforme ao establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados na Constitución española. E, segundo se sinala no citado decreto, será a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático a que exerza as competencias e funcións en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana.
O CASO SUPRAMUNICIPAL MASIDE - O CARBALLIÑO
Os Plenos dos Concellos do Carballiño e Maside aprobaron a súa adhesión ao Pacto de Alcaldes polo Clima e a Enerxía, asumindo así os compromisos da Unión Europea en materia de clima e enerxía para o ano 2030 e que formalizou co seu rexistro na web da Oficina do Pacto da Unión Europea (www.pactodelosalcaldes.eu).
Coa adhesión ao Pacto, ámbolos dous Concellos contribúen á consecución da Axenda 2030, un chamamento universal desenvolto polas Nacións Unidas para alcanzar un mundo máis xusto e sostible. Esta folla de roteiro concrétase en 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), e mediante esta iniciativa póñense en práctica de modo máis directo o ODS 13 (Acción polo Clima) e o ODS 17 (Alianzas para alcanzar os ODS).
Unha vez aprobada a adhesión ao Pacto, o día 12 de xuño de 2020, os concellos de Maside e do Carballiño asinaron un convenio, único no contexto autonómico, para formar unha agrupación de entidades locais co fin de colaborar na elaboración conxunta dos seus respectivos PACES que garante o cumprimento dos seus obxectivos no ano 2030.
Unha vez redactado, cada PACES foi aprobado polo respectivo Pleno da corporación municipal e correctamente rexistrado, telematicamente, no sitio web da Oficina do Pacto da Unión Europea, segundo os procedementos establecidos pola propia Oficina.
As dúas entidades responsables comprométense tamén á elaboración, cada dous anos, dun informe de seguimento (o denominado «informe de acción») sobre a implantación do PACES.
Está prevista unha presentación pública dos PACES á veciñanza e aos empresarios dos municipios que terá lugar previsiblemente no auditorio municipal Manuel María do Carballiño nunha data que está pendente da evolución da pandemia da COVID.
A modo de resumo, coa súa adhesión ao Pacto dos Alcaldes, os dous concellos integran a loita contra o cambio climático como unha das variables que deben ter presente nas súas políticas, tanto desde o punto de vista de redución de gases de efecto invernadoiro como da necesaria adaptación ás consecuencias derivadas do quecemento global que está a sufrir o noso planeta. A realización dun Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES) é un dos compromisos adquiridos polos concellos asinantes do citado Pacto. O PACES incluirá medidas para o freo do cambio climático, consistentes na redución de consumos enerxéticos e a substitución de enerxías fósiles por renovables, reducindo así a pegada de carbono de ámbolos dous municipios.