Os concellos terán de prazo ata o 22 de xaneiro para presentar as súas propostas de investimento, gasto ou amortización para 2024, para incluir no novo plan de cooperación que financia a Deputación.
O Boletín Oficial da Provincia (BOP)ven de publicar as bases para a elaboración e execución do Plan CooperOU, o novo modelo de financiamento para as entidades locais, que terán de prazo ata o próximo 22 de xaneiro para presentar as súas propostas de investimento, gasto ou amortización de débeda con cargo á súa correspondente achega provincial.
"Unha positiva noticia en tanto que os concellos xa poden planificar a execución dos fondos que recibirán da Deputación en 2024 no marco deste plan, dando resposta as súas necesidades concretas e, polo tanto, reforzando a súa autonomía e responsabilidade", declarou o presidente da Deputación, Luis Menor.
A dotación do plan no primeiro ano de vixencia incluirá 3 millóns de euros que se farán efectivos na modificación de crédito prevista para o mes de marzo.
As bases publicadas hoxe no BOP establecen que o 40 % da achega provincial, "como mínimo", destinarase a investimentos reais, "preferentemente os necesarios para a efectiva prestación dos servizos municipais obrigatorios". O 60 % da aportación, "como máximo", poderá destinarse a gasto corrente ou amortización de débeda, aínda que "con carácter excepcional poderase dedicar o 100 % ao programa de gasto corrente e amortización de débeda nos supostos de insuficiencia financeira manifesta".
Tamén se permitirá incluír en ambos programas -investimento e gasto- actuacións que teñan un importe superior aos fondos provinciais recibidos en cada concello, sempre e cando a entidade local achegue o financiamento complementario.
Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, a sección de contratación elaborará o Plan provincial de Cooperación para 2024, que deberá pasar pola correspondente comisión informativa e presentarse ao pleno ordinario do mes de febreiro parta a súa aprobación inicial.
O Plan CooperOU articúlase en torno a catro claves: a contía do financiamento, os criterios de reparto, o destino dos recursos e a simplificación administrativa.
Polo que respecta á contía, o novo modelo de cooperación supón case 10 millóns de euros máis con respecto á partida consignada para cooperación cos concellos nos vixentes orzamentos.
A segunda das claves radica no reparto, que se basea nunha distribución proporcional e máis xusta dos recursos en base aos criterios homoxéneos propostos pola FEGAMP. Neste reparto haberá unha parte fixa e outra variable. A parte fixa, con 8,9 millóns de euros, establécese en base a catro tramos segundo o número de habitantes de cada concello (ata 1.000, 5.000, 10.000 e 20.000), con cantidades que oscilan entre os 90.000 e os 120.000 euros. A parte variable distribúese en base á poboación (que conta nun 50 %); núcleos de poboación (20 %); índice de envellecemento (15 %); e superficie do concello (15 %).
Outro dos piares do Plan CooperOU e a autonomía municipal, consonte coa distribución por programas e porcentaxes establecidos nas bases, ademais da simplificación administrativa que vai supoñer este plan fronte á carga de traballo que supuña a tramitación das subvencións nominativas.