Os delitos penais descenden na comarca, según a Xunta Local de Seguridade do Carballiño

20, Xullo 2015

O Salón de Plenos do concello de O Carballiño acolleu a  reunión da Xunta Local de Seguridade de O Carballiño, co-presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro García, e o alcalde de O Carballiño, Francisco José Fumega Piñeira e na que participaron membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e da Policía Local.

Previa aprobación da acta da Xunta de Seguridade do 10 de xullo de 2014, os representantes das diferentes Forzas e Corpos de Seguridade e Policía Local foron dando conta dos informes en materia de seguridade cidadá  e fixeron fincapé na importancia da colaboración entre a Policía Local do Concello de O Carballiño e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Na Xunta Local de O Carballiño analizáronse os datos relativos á delincuencia na comarca durante o ano 2015 (Xaneiro – Xuño), facendo una comparativa co mesmo período de tempo de 2014. Os datos estatísticos amosan na totalidade de infraccións penais unha tendencia á baixa; 16 puntos menos. Os delitos contabilizados descenden 25 puntos, mentres as faltas repuntan ata os 9 puntos. Descenden así mesmo as infraccións penais sen delito contra a seguridade vial e as infraccións administrativas. Tamén é menor o número de detidos e imputados. Os niveis de esclarecemento manteñen as mesmas porcentaxes (por riba do sesenta e cinco por cento).

No que respecta á actividade desenvolvida en materia de violencia de xénero cabe resaltar a importante labor policial de protección ás vítimas, que se viu potenciada coa firma do Acordo de Coordinación entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local de Carballiño, do 10 de xullo de 2014, que tras un ano de funcionamento avalíase o seu impacto como moi positivo.

Na reunión tamén se avaliaron as previsións en materia de seguridade para o segundo semestre do ano, prestándolle atención á chegada do período estival. Deuse conta, así mesmo, dos traballos previos que xa se están a desenvolver, para concretar o dispositivo de seguridade a establecer na Festa do Pulpo.

 DECLARACIÓNS

 O subdelegado do Goberno agradeceulle ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e á Policía Local “o magnífico traballo diario desenvolvido a prol do benestar da cidadanía reflectido nas estatísticas que hoxe acabamos de coñecer”, e animounos a seguir incidindo na mesma tarefa “de compromiso tanto no campo da investigación de casos pendentes como no eido preventivo de cara ao futuro”.

Trala chegada do verán, e coa previsión da Festa do Pulpo, Roberto Castro sinalou, “a necesidade de incrementar tódalas  atencións, e delimitar con exactitude o dispositivo para que a celebración da Festa do Pulpo sexa un referente de normalidade e a seguridade do gran número de visitantes que se acheguen á capital do Arenteiro, estea garantida”.