Os descendentes da "Familia Pereira", unha das primeiras que habitaron O Carballiño, xúntanse esta fin de semana atendendo unha convocatoria do C. E. Chamoso Lamas.

15, Agosto 2024

Este sábado día 17 reuniranse no Carballiño os descendentes dunha das familias que primeiro poboaron O Carballiño no intre de instaurarse unha feira nesta localidade.

Un total de 25 sucesores procedentes de países como Arxentina, Perú, Bolivia e cidades como Vigo, Santiago, Madrid, Vilagarcía, Ibiza, Barcelona ou Bilbao coincidirán por primeira vez na terra dos seus ancestros nun acto organizado polo C.E. Chamoso Lamas no que se lle explicará a historia desta familia a partir do primeiro ascendente documentado na parroquia de Dacón aló polo século XVI. Estes membros da familia foron coñecedores das súas raigames carballiñesas a partir da publicación do libro “Alarifes do Carballiño” publicado por este Centro de Estudios.

Nesa liña descendente podemos destacar a varios persoeiros que destacaron nun primeiro momento no oficio de arrieiros vinculados ás feiras locais para logo abrirse paso no mundo empresarial, xudicial, militar ou político. Así, segundo recolle o historiador e autor do libro, Carlos Montes, que foi quen de documentar toda esta liña xenealóxica dende o ano 1.580 ata 1.960, enuméranse ata cinco alcaldes de varias cidades galegas durante o século XIX: dous no Carballiño, un en Ourense, en Vilagarcía e en Sarria. Todos eles foron ademais figuras destacadas do liberalismo durante as guerras carlistas.

No caso de Bernardo Pereira Valeiras, alcalde e maxistrado carballiñés, foi o encargado como secretario da Deputación de liberar os terreos públicos locais da provincia na época das desamortizacións de Mendizábal. No eido xudicial destacamos tamén aos maxistrados Prieto Pereira, recoñecidos no pobo do Carballiño coma filántropos e que contan cunha praza adicada nesta vila. Ata nove maxistrados deu este clan durante o século XIX destinados en Cuba, Perú, Gran Canaria, Valencia, Madrid, A Coruña, Oviedo ou Zaragoza.

Non esquezamos tampouco a figura de María Eugenia Pereira, primeira muller becada pola Universidade en Galicia e que tivo unha longa e prolixa carreira como empresaria farmacéutica en Barcelona.

O roteiro urbano consistirá nun resumo da historia do Carballiño vinculado ás aportacións desta familia ao devir deste pobo dende que fora creada a feira a principios do século XVII.

Os participantes coñecerán as antigas propiedades desta familia, como o caso do Balneario, terreos da igrexa da Veracruz, Igrexa dos Irmáns Prieto, Casa Soto, o propio Asilo e o lugar onde estaban ubicados os seus solares nesta vila.

Todos os interesados están convidados a participar deste acto que comezará as 11:30 da mañá no Asilo e rematará ás 13:00 horas cunha recepción no Concello na que se lle agasallará coa árbore xenealóxica deste grupo familiar. Ao remate haberá un xantar aberto na Pulpería Plaza na que é preciso anotarse con antelación póndose en contacto co Centro de Estudios.