Os grupos musicais do Carballiño mostran o seu descontento por non contar con eles para as festas do San Cibrao

28, Xullo 2009

(Redacción. Belén González) A Asociación 8 Notas mostrou na "Mañá de Cope O Carballiño" o seu descontento cos organizadores das festas patroais deste ano por non contar no cartel de actuacións con ningún grupo musical carballiñés. Miguel, un dos integrantes da asociación musical composta por 80 persoas, pediu nos micrófonos do noso programa que se conte cos grupos locais, porque o que eles queren é tocar nun bo escenario e contar cun equipo de son axeitado; ademáis tamén afirman que lles gustaría ser teloeiros dalgún grupo importante e non ser reclamados soamente para tocar nunhas festas de menos envergadura que as do Setembro.
Outros dos reclamos dende a asociación é o local de ensaio, un proxecto que foi aprobado polos grupos políticos no Carballiño cando o BNG estaba na Xunta. Despois de varias reunións, os diferentes partidos políticos déronlle luz verde ó proxecto e o concello enviou tódolos papeis precisos, pero ata o día de hoxe non se voltou saber nada. Nun principio, o local íase ubicar no baixo do pavillón deportivo Paco Chao.
8 Notas bótalle en cara ó grupo de goberno municiapl que deixase de lado a idea do local de ensaio. A esperanza que lle queda é Argimiro Marnotes, o voceiro do Grupo Municipal Popular, que fará de intermediario para traer o proxecto para aquí.