Os grupos políticos móstranse incapaces de chegar a un pronunciamento conxunto contra o peche dos xulgados
Os 3 grupos políticos municipais presentaron e votaron a súa propia moción contra a supresión do Partido Xudicial, aínda que non foron capaces de chegar a un acordo que implique un respaldo institucional conxunto.
A única das tres mocións aprobada polo pleno foi a do Partido Popular, que contou co apoio dos socialistas. Os tres grupos, PP. PSdG, e BNG, coinciden en posicionarse en contra da desaparición do Partido Xudicial do Carballiño, pero as diferencias entre os tres grupos e sobre outros aspéctos do Anteproxecto Lei do Poder Xudicial impediron un pronunciamento conxunto.
Onde sí houbo unanimidade foi na moción socialista para posicionarse en contra do aumento do IVE para perruquerías e florerías, que pasou do tipo reducido do 8% ao xeral do 21%. Tamén, por unanimidade, o pleno aprobou unha proposta do BNG para apoiar as reinvindicacións dos emigrantes retornados, aos que a Axencia Tributaria impuxo sancións económicas por obrigas tributarias non satisfeitas.
Pola contra, o grupo maioritario rexeitou a moción do BNG sobre o apoio a ILP de medidas para a creación de emprego en Galicia, e outra do grupo socialista na que se pedía a rescisión do contrato coa empresa concesionaria do servizo de axuda no fogar. O Partido Popular propuxo, no seu lugar, a creación dunha comisión municipal de seguimento do contrato asinado coa empresa.