Os portavoces municipais confian no plan da Xunta para mellorar o transporte público
Os portavoces municipais confían en que o novo plan de transporte da Xunta dea resposta ás necesidades do Carballiño e da comarca nesta materia. Así o manifestaron hoxe o alcalde, Francisco Fumega; o portavoz do PP, Argimiro Marnotes; o portavoz do BNG, Francisco Ferreiro, e o portavoz de Alternativa Veciñal, Bernardo García, durante unha rolda de prensa ofrecida no concello para dar conta do resultado da reunión que mantiveron a semana pasada coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, para analizar a situación do transporte público comarcal.
Francisco Fumega agradeceu a dispoñibilidade dos grupos municipais e as súas aportacións para a reunión, e aclarou que o obxectivo era integrar a comarca coa capitalidade, e esta con Ourense e, a ser posible, con Santiago. “Temos por diante unha serie de deberes que facer para o momento en que rematen as actuais concesións do transporte en Galicia, previtas para o próximo verán, e poder integrar ao Carballiño no novo plan; por iso imos a colaborar estreitamente coa consellería de Infraestruturas e Vivenda”, dixo o alcalde.
Argimiro Marnotes, pola súa parte, resaltou a satisfacción xeralizada polo resultado da reunión, en canto que a Xunta xa coñece a problemática do Carballiño en materia de transporte público. O portavoz do PP resaltou non só o interese sobre o transporte por estrada, senón tamén por incluir a ADIF, coa posibilidade dun uso intermodal da estación do ferrocarril. Tamén se referiu ao plan de transporte da comarca co Carballiño e do Carballiño con Ourense e incluso con Pontevedra e Santiago. “É o momento de que O Carballiño despegue”, dixo, “e para isto ábrese a posibilidade de poder elixir as paradas en Ourense (estación, Campus Universitario e residencia sanitaria).
Fracisco Ferreiro destacou o feito de que os portavoces participasen nesta iniciativa, que é o camiño a seguir, o mesmo que a colaboración institucional. Pese ás discrepancias lexítimas que poida haber por parte de cada grupo, o portavoz do BNG agradeceu a boa receptividade da conselleira e a posibilidade de que se poidan realizar obras de infraestrutura. “Se temos unhas boas comunicacións será moi positivo para a comarca, sobre todo, para os servizos”, dixo. Bernardo García comezou amosando a súa esperanza de que no 2017 poida producirse un cambio neste sentido e que as promesas da conselleira poidan cumplirse, co obxectivo de que os veciños e veciñas teñan os medios de transporte que necesitan.
Finalmente, o portavoz de Alternativa Veciñal destacou a posibilidade de poder liberar algúns edificios públicos para outros cometidos.
Nesta reunión coa conselleira, tampouco nesta comparecencia dos portavoces municipais, participou o concelleiro non adscripto Marco Antonio Reboredo. En manifestacións nesta emisora de radio, Reboredo mostrouse escéptico cos posibles resultados desta reunión coa conselleira e avanzou que presentará ao pleno da corporación unha proposta con varias iniciativas para mellorar as prestacións do transporte público no Carballiño.
Entre esas propostas do concelleiro non adscripto están a creación dunha asociación de usuarios do transporte público ou reactivar a plataforma cidadán para demandar do ADIF novos servizos ferroviarios na estación do Carballiño.