Os premios Insua dos Poetas recoñecerán este sábado a labor cultural de Pilar Corredoira, Felipe Senén López, Ramón Caride, Bieito Romero, José María Vila Alén, o festival Fetega e o programa “Cos pés na terra”
A XIV edición da Festa da Palabra celebrarase este sábado 16 de xullo, a partir das 11,30 horas, na Insua dos Poetas (A Esgueva, Madarnás, O Carballiño) coa presenza de Xosé Luis Méndez Ferrín e Ramón Lorenzo, fundadores de Brais Pinto, o colectivo homenaxeado nesta edición.
A Festa da Palabra, organizada como cada ano pola Fundación Insua dos Poetas e a Deputación de Ourense, ademais do apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, ten preparada unha programación deseñada arredor da reivindicación da fonda pegada deste grupo cultural, que sucede a homenaxeados como Carlos Casares, Eduardo Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro, Pura e Dora Vázquez, Xela Arias ou Federico García Lorca -a través dos seus seis poemas galegos-.
O presidente da Deputación, Manuel Baltar, destaca a importancia dunha Festa da Palabra consolidada como un “potente encontro activado para homenaxear ós nosos grandes da cultura galega, coma Brais Pinto”. Baltar define a este colectivo como “un dos grandes defensores da cultura galega no franquismo” e recalca a súa ourensanía, coa presenza neste grupo de Ben-Cho-Shey -unha figura central por como conectou esta xeración co galeguismo do primeiro terzo do século XX-, Bautista Álvarez, Xosé Fernández Ferreiro e o propio Méndez Ferrín.
Manuel Baltar incide na necesidade de “seguir potenciando, defendendo e alimentando a identidade galega”, a través de actos coma a Festa da Palabra e nun espazo “tan emblemático” como a Insua dos Poetas, “unha embaixada na que todos os ourensáns estamos invitados a celebrar a nosa palabra, a nosa lingua, a nosa literatura, da que tanto orgullo sentimos e da que tanto queremos compartir co mundo”.
Pola súa banda, o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar, fala da “orixinalidade e perdurabilidade” desta homenaxe anual, adicada este ano a uns grandes “defensores da lingua e cultura galega nun tempo tan escuro para Galicia como a ditadura franquista”. Coa perspectiva do tempo, valora o poeta, os membros de Brais Pinto “tiveron unha gran responsabilidade na evolución da cultura galega en ámbitos como a literatura, as artes plásticas, o audiovisual ou a pedagoxía”.
Premios Insua dos Poetas 2022
Durante o transcurso da Festa da Palabra entregaranse os premios Insua dos Poetas 2022, que recoñecen a labor cultural en sete modalidades diferentes. Este ano, o xurado decidiu premiar ó escritor Ramón Caride -literatura-; ó arqueológo, historiador e secretario da Academia de Belas Artes de Galicia, Felipe Senén López Gómez -en investigación e promoción cultural; ó músico e fundador de Luar na Lubre, Bieito Romero -música-; ó Festival de Teatro Galego (FETEGA) “Celso Parada”; á crítica de arte e curadora de exposicións Pilar Corredoira -artes plásticas-; ó membro do Grupo Nós da Arxentina, fundador e expresidente do Centro Galicia de Bos Aires, José María Vila Alén -cultura na emigración-; e ó programa da TVG “Cos pés na terra” -cultura rural-.
Os sete gañadores recibirán unha peza orixinal do escultor Acisclo Manzano, recentemente galardoado coa Medalla de Ouro da provincia de Ourense.
O xurado desta edición dos premios estivo presidido polo presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar; e contou coa presenza do vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; actuando de secretario Xavier Castro Martínez e de vogais Celso Sánchez e Antón Pulido.
Intensa programación
A xornada deste sábado arrancará na Insua dos Poetas ás 11,30 horas cunhas palabras de benvida do presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar. A continuación, Lucía Álvarez e Xosé Luís Troitiña ofrecerán un recital poético-musical con textos de Brais Pinto.
Despois do recital entregaranse os premios Insua dos Poetas e actuará no Anfiteatro Nós a artista arxentino-galega Lorena Lores, dentro dunha xornada que contará coas intervencións do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que pechará a primeira parte do acto.
A continuación inaugurarase o conxunto escultórico en homenaxe a Brais Pinto, tres pezas realizadas polo artista ourensán Ramón Conde, nun espazo no que intervirán o filólogo e poeta Ramón Lorenzo e o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, fundadores do colectivo homenaxeado.
A continuación celebrarase un xantar de confraternidade, con produtos ourensáns, na explanada da Galería da Literatura Galega, para completar unha programación que busca tanto reivindicar a influencia deste grupo como celebrar o encontro na Insua dos Poetas dos actores creativos de Galicia , nesta “gran festa de exaltación da nosa identidade cultural”, como resalta Luís González Tosar.
O colectivo Brais Pinto, defensores da cultura galega no franquismo
A XIV edición da Festa da Palabra recoñece a Brais Pinto como un actor decisivo na construción cultural da Galicia contemporánea, a través de proxectos e accións culturais que alimentaron un espazo clave de reflexión e activismo cultural, primeiro no franquismo e despois na democracia.
O colectivo creouse en 1958 arredor de nove galegos residentes en Madrid, todos eles estudantes universitarios ou traballadores preocupados pola situación de Galicia. Entre eles estaban nomes referenciais da cultura galega do século XX como os ourensáns Xosé Luis Méndez Ferrín (Ourense, 1938); Xosé Ramón Fernández-Oxea “Ben-Cho-Shey” (Ourense, 1896 - Madrid, 1988); Bautista Álvarez (San Amaro, 1933 - Beariz, 2017) e Xosé Fernández Ferreiro (Nogueira de Ramuín, 1931 - A Coruña, 2015). Ademais, completaban o grupo Bernardino Graña (Cangas, 1932); Ramón Lorenzo (Ames, 1935); Reimundo Patiño (A Coruña, 1936- A Coruña, 1985); Xosé Alexandre Cribeiro (Pontevedra, 1936 - Pontevedra, 1995); Herminio Barreiro (Sanxenxo, 1937- Santiago, 2010) e César Arias (Ribas de Sil, 1932 - Madrid, 2021).