Os propietarios dos aloxamentos rurais do Xeodestino O Carballiño-Ribeiro celebran este venres un encontro en Casa Brués para avanzar "nun turismo sostible, ecolóxico e de calidade".
O próximo 24 de maio ás 19:30 en casa Brues (na foto) celebraráse o II Encontro Novo Rural. Este evento, organizado pola asociación Novo Rural, reúne a propietarios de aloxamentos turísticos rurais das comarcas do Carballiño e O Ribeiro co obxectivo de promover un turismo sostible, ecolóxico e de calidade.
Novo Rural é unha asociación sen ánimo de lucro que traballa incansablemente para dar a coñecer os nosos pequenos pobos, integrando o turismo na vida diaria sen perder a identidade local. A asociación fomenta a conservación do patrimonio, a valorización da natureza, os lugares singulares, a gastronomía e a cultura galega.
A importancia da colaboración entre os membros da asociación é fundamental, especialmente durante as estacións de outono e inverno, para afrontar a tempada baixa. Traballar xuntos permite enfrontar as dificultades e promover un turismo sostible e rendible. Novo Rural esfórzase por mellorar o sector turístico en termos de materiais e servizos de calidade, e por fortalecer a voz de todos os seus asociados. O evento subliña a relevancia da participación e colaboración con veciños e asociacións que compartan os valores de Novo Rural.
Cunha área de actuación que comprende 21 municipios e ao redor de 150 establecementos turísticos, a asociación busca abarcar toda a zona do Xeodestino Carballiño-Ribeiro. O primeiro evento de Novo Rural realizouse no Concello de San Amaro, considerado a sede e o lugar de nacemento da asociación. Nesta ocasión, o encontro celébrase no Concello de Boborás, mostrando o compromiso da asociación con todos os municipios da rexión.
Durante o evento, Agustín (cuxo aloxamento, Casa Carmiña, atópase no Irixo) presentará os logros alcanzados ata o de agora e os obxectivos a curto e longo prazo da asociación. Os asistentes están convidados a interactuar, resolver as súas dúbidas e unirse á causa de Novo Rural para transformar un "conta comigo" nun "estou aquí".
NOVO RURAL é unha organización dedicada a promover o turismo rural sostible, integrando innovación e respecto pola cultura local nas súas iniciativas. Cunha visión de transformar a maneira en que se experimenta o turismo en contornas rurais, NOVO RURAL traballa en colaboración con comunidades locais para impulsar o desenvolvemento económico e a preservación do patrimonio cultural.