Os Socialistas alertan da supresión dunha aula no colexio de Leiro e o Alcalde acúsaos de "intoxicadores"

2, Xullo 2012

Os socialistas de Leiro pediron ao alcalde que se lles informe por escrito sobre o futuro próximo do colexio público e a posible reagrupación de alumnos e supresión dunha aula.

O portavoz socialista, Manuel Rodríguez Vázquez, preguntou entre outros temas polas brigadas de cooperación, da que a piques de rematar o mes xuño aínda non se sabe nada, salvo a redución prevista polo Goberno central dun 75% do orzamento para estos programas.

 Rodríguez acusou de facer demagoxia ao alcalde respecto da reapertura do antigo Balneario de Berán, ao que nun momento se negou porque supostamente as cañerías estaban oxidadas, cando a realidade é que a súa nefasta xestión fixo que durante anos estiveran pechadas estas instalacións e as novas estean en mans da Xustiza.

 Ademais, os socialistas criticaron as normas provisionais sobre o uso de terrazas para bares e cafeterías, que deberían estar regulamentadas por unha ordenanza municipal,  e pediron “que a próxima Festa da Vendima non se converta de novo nunha festa do Partido Popular”.

O ALCALDE ATRIBÚE AS MANIFESTACIÓNS SOCIALISTAS A " UNHA CAMPAÑA DE INTOXICACIÓN "

O Alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, difundíu un comunicado de prensa no que "fai saber que consultada dita información relativa á posible supresión dunha aula no colexio público de Leiro ante á Consellería, a mesma resulta errónea, xa que non se pretende suprimir ningunha aula no colexio público Emilia Pardo Bazán de Leiro e ademáis espérase que para o próximo curso escolar aumente o número de escolares, circustancia que non se dará na maioría dos municipios da zona, o que augura a continuidade do noso colexio", suliña.

"Por todo isto, o que se aprecia é a mala fe do grupo socialista de Leiro, e sobre todo a falta de interese por contrastar a información derivada de rumores e facilitada aos medios en nome da veciñanza de Leiro, e con único fin de continuar coa súa campaña de intoxicación dirixida á poboación de Leiro, son unhos auténticos intoxicadores ", manifesta o rexedor municipal.