Os socialistas aseguran que se encontraron un concello coas arcas baleiras e serias dificultades económicas para rematar o ano
Os socialistas aseguran que "o Concello do Carballiño atópase nunha situación de inestabilidade económica, coas arcas municipais practicamente baleiras, o que deixa ao actual goberno cunha limitada marxe de manobra, xa que conta cun límite de gasto de 8.500.000 euros para 2015 do cal o 85% xa foi comprometido polo anterior goberno do PP".
Así o evidenciaron en rolda de prensa a concelleira de Facenda, Economía, Administración e Transparencia, Rita Soto, e o portavoz e concelleiro de Persoal, Tráfico e Promoción de Emprego, Adolfo Nogueira.
A concelleira sinalou así que dos 8,5 millóns establecidos como límite de gasto para este ano, o goberno do PP xa comprometera antes das eleccións 6.800.000 euros, é dicir, o 85% do total.A esta cifra hai que engadir os 2,9 millóns estimados ao longo do ano para gastos habituais como son os do servizo de auga, luz ou recollida do lixo, o que levaría a exceder ese límite de gasto en 1.200.000 euros no segundo trimestre de 2015.
Rita Soto explicou que si se realizan todos os gastos comprometidos polo anterior goberno do PP “chegariamos a final de ano cunha cantidade estimada de gasto de 1.800.000 euros por enriba do límite, e necesidade de financiamento”.
Sinalaron ademais que mentres a xuño de 2014 o gasto comprometido polo goberno do PP era dun 53% do límite de gasto (4,1 millóns de euros), en xuño de 2015 o goberno socialista atopouse co 85% do total gastado. Nogueira explicou que “todo indica que o PP aplicou a política de terra queimada e sabendo que non ían seguir no goberno comezaron a gastar desaforadamente para deixar arcas baleiras. Tamén é, por outro lado, un caso claro de electoralismo, co que o PP quixo facer investimentos que non se fixeron en catro anos”.
Puxo como exemplo do gasto electoralista do PP o pleno ao que se levou a compra da Casa Soto e unha serie de subvencións para colectivos, e no que o goberno do PP aprobou un gasto de 5 millóns de euros utilizando remanente da tesorería e a poucos días das eleccións.
Nogueira apuntou que “non se trata de mentir sobre a débeda e falar de fregonas inexistentes, senón das contas reais. O goberno do PP só elaborou uns orzamentos en catro anos, o que explica que agora atopemos gastos que non se entende. Por exemplo, o gasto en avogados que roldaba os 18.000 euros, nestes catro anos de goberno do PP foi por riba dos 300.000 euros”.
“Tamén hai que explicarlle aos cidadáns que esa xestión económica marabillosa que nos vendía o anterior alcalde era fume, que durante catro anos o PP tivo o pobo abandonado e paralizado mentres os cartos se gastaban noutras cousas, porque a débeda financeira é prácticamente a mesma”.
O concelleiro afirmou que “non queremos queixarnos nin lamentarnos senón que queremos que a veciñanza coñeza a situación do Concello, queremos facer da transparencia a nosa bandeira e deixar claro que imos traballar para tentar suplir con aproveitamento máximo de recursos esa falla de liquidez que nos deixaron”.