Os socialistas critican o retraso na execución da obra de mellora da estrada Leiro-Berán

6, Decembro 2016

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Leiro denuncia "o desleixo do goberno municipal, máis unha vez, para coas necesidades do Concello".

Manifestan como "hai xa dous anos e medio que no lugar de A Agra, na estrada provincial OU-0307 que une Leiro e Berán, se procedeu a ampliación dunhas curvas nese tramo. A intervención consistiu en ampliar o radio das curvas e na colocación de sábrego como firme. Dende aquelas, o tramo segue sen ser asfaltado, co conseguinte risco para a circulación e para a integridade dos veciños e veciñas da zona".

Hai, precisamente, dous anos e medio que o Grupo Municipal Socialista lle preguntou ao Alcalde de Leiro -recordan- en Pleno cando se ía proceder ao asfaltado destas perigosas curvas, ao que respostou "que andaban en negociacións coa Deputación para facelo, de tales negociacións nada se sabe e a pista segue en condicións de provisionalidade", remarcan

"Fartos desta situación de desleixo, os socialistas de Leiro deron traslado ao Grupo Provincial Socialista, concretamente na persoa de Ignacio Gómez, deputado pola comarca do Ribeiro. En verbas de Nacho Gómez, quen procedeu a solicitar explicacións ante a institución provincial, competente no tema, Esta cuestión non é máis que a evidencia do que veño denunciando en numerosas ocasións, a falta dun plan de estradas provincial rigoroso e serio. Ano tras ano, fan pequenas obras e reformas nas estradas que, lonxe de solucionar, xeran problemas aínda meirandes”, afirman os socialistas.

Así pois, por unha banda, dende o PSOE de Leiro queren que o Alcalde explique en que consistiron as súas xestións coa Deputación para solucionar o problema e, por outra, dende o Grupo Provincial Socialista esixen que a institución provincial informe cando teñen pensado solucionar un problema que xera grave risco para os usuarios e usuarias.