Os Socialistas de Berán comezan o mandato con criticas á xestión da Entidade Menor

24, Xuño 2011

O portavoz socialista na Entidade Menor de Berán, Tomás Lorenzo, censura “o mal pe con que o Partido Popular comeza a nova lexislatura en Berán, incumprindo a legalidade”, e advirte que “se non convocan os plenos tomaremos medidas e pediremos a dimisión do presidente”.  Explica que o presidente deste organismo non cumpre a lei ao desconvocar o pleno previsto para o pasado luns, antes da constitución da nova corporación , que finalmente tivo lugar onte, polo que solicitará un pleno extraordinario para tratar temas cruciais para Berán, “pendentes dende hai moito tempo pola incapacidade de xestión do Partido Popular”. Lorenzo lembra que “a falta de plenos é xa algo habitual na Entidade Menor, inadmisible tanto dende o punto de vista legal como democrático, e mesmo hai o costume implantado de convocar plenos e desconvocalos a última hora alegando unha urxencia”.

 

O vocal socialista sinala que fará unha oposición “seria, responsable e antepoñendo os intereses dos veciños da parroquia”, polo que non permitirá “ningún  tipo de mangoneo a quen goberna, nin que busque o seu lucro persoal ou familiar”.

 

“En Berán hai moitas cousas en xogo, e os socialistas non estamos dispostos e que se manteña unha situación de pasividade ante as necesidades dos veciños, e de parálise que inclúe o bloqueo da acción política da oposición coa falta de celebración de plenos na Entidade Menor”, sinala.

 

“Se non queren gobernar a Entidade Menor, que deixen paso aos que si queren traballar polo presente e futuro de Berán”, conclúe.