Os socialistas deféndense das críticas pola contratación de persoal e aseguran que manteñen o seu compromiso coa transparencia
O goberno municipal do Carballiño "mantén o seu compromiso de transparencia e publicidade nas contratacións do Concello. Por unha parte, no caso das recentes prazas ofertadas, seguindo as bases que xa estaban redactadas e que están a disposición de todos os grupos da oposición e cidadáns interesados en consultalas".
Así, no caso das prazas ofertadas recentementeexplican que "dúas delas son para cubrir baixas de maternidade en Servizos Sociais, coa conseguinte urxencia, xa que o goberno tomou posesión en xuño e as baixas é necesario cubrilas canto antes pola necesidade de non deixar un área de tanta importancia con carencias de persoa"l.
No caso da praza de orientador laboral, "ésta está subvencionada pola Xunta ao 100 % e ten que cubrirse antes de que remate setembro, polo que tamén se fai necesario continuar coas bases predeterminadas en aras do pouco tempo de que se dispón para cubrila".
A pesar de que as bases para estas contratacións xa estaban redactadas previamente "o goberno municipal mantén o seu compromiso de transparencia e participación, e de feito os grupos da corporación municipal teñen acceso a toda a documentación que precisen relativa a estes procesos algo que non pasou en anos anteriores, onde a opacidade foi a norma", manifestan dende o grupo socialista.
Asimesmo todos os participantes no proceso poderán acceder aos criterios, listaxe de puntuacións e decisións do tribunal para garantir a debida igualdade de trato a todos os aspirantes.
No caso das futuras contratacións, o goberno socialista redactará as bases tendo en conta "as premisas de transparencia e obxectividade nos procesos de selección. De feito, ten como obxectivo elaborar unha RPT antes de rematar o ano, contando coa colaboración e participación dos sindicatos e grupos políticos da Corporación. Do mesmo xeito, pretende elaborar uns orzamentos participativos, escoitando as necesidades, suxestións e aportacións dos movementos sociais".
A elaboración dunha axeitada relación de postos de traballo para o Concello e duns orzamentos municipais "son dous dos obxectivos prioritarios do actual goberno, ao considerar que son instrumentos fundamentais para o funcionamento axeitado do Concello do Carballiño, e mais tendo en conta que o anterior goberno do PP non foi capaz en catro anos de aprobar mais que un orzamento e que desenvolveu unha nefasta política de contratacións", conclúen os socialistas.