Os socialistas denuncian que as rúas do Carballiño "semellan un campo de minas"
Mentres, afirman que "a Concellería de Obras segue a dar largas e a poñer parches e recheos, en lugar de buscar unha solución a esta situación".
"Ademais das numerosas fochancas en practicamente todas as rúas da vila, este lúns abriuse un burato na confluencia entre as rúas Conde Vallellano e Evaristo Vaamonde ao ceder o firme debido ao seu estado de deterioro; estado do que os veciños xa alertaron ao Concello hai semanas", subliñan.
O afundimento do firme nesta rúa obrigou á Policía a cortar o tráfico nun tramo da mesma e a tapar provisionalmente o burato dada a perigosidade para vehículos e peóns.
Os socialistas advirten que a situación que se produciu hoxe é inadmisible, ao igual que o feito de que as rúas do Carballiño continúen cheas de fochancas e buratos dende hai meses mentres o Concello só se dedica a poñerlles parches.
Apuntan que “case é mellor que o Concello non pida a titularidade de tres rúas máis á Xunta, como se acordou no último pleno, se o que vai facer é telas nun total estado de abandono como ten o resto”.
Sinalan que xa non é só unha cuestión de imaxe ou incomodidade, senón de perigo para condutores e peóns, e reclaman ao Concello “que deixe de dar largas e solucione dunha vez por todas esta situación que tantos problemas está a causar aos cidadáns”.