Os socialistas denuncian "recortes masivos na sanidade pública" como os que afectan ao concello de Punxín
O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia un novo capítulo de “recortes”, “precarización” e “desmantelamento” sanitario levado a cabo polo Partido Popular na provincia de Ourense. Desta vez, tocoulle a Punxín que veu reducido o horario de atención do centro de saúde, onde se presta servizo unicamente dende as 12:00 horas. Unha situación que os e as socialistas denuncian que chegou “sen previo aviso”, máis aló dun cartel colocado no centro de saúde e que provoca que os usuarios e usuarias se atopen coas portas totalmente pechadas.
Para o PSdeG-PSOE este é un “novo episodio” do capítulo de “desleixo” e “abandono” co que o Partido Popular de Galicia e Alfonso Rueda tratan á provincia de Ourense. Os e as socialistas esixen “solucións inmediatas” a esta problemática, xa que segundo apuntan “están rematando coa sanidade do rural e obrigando á veciñanza a marchar a outros municipios para poder ter uns servizos dignos”. Neste senso, tamén destacan que “de pouco vale traer un autobús polos municipios prestando servizos sanitarios se a veciñanza non dispón dunha atención sanitaria digna no seu día a día”.
A voceira do PSdeG-PSOE de Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, reivindica unha atención sanitaria de “calidade” para a veciñanza, xa que segundo explica “reducíronse os servizos sanitarios e en moitas ocasións, tan só se prestan os mesmos durante dúas ou tres horas”. Neste senso, a edil socialista manifesta que dende o PSOE “imos a loitar para que esta situación non continúe, para que se cubra a praza da médica xubilada fai uns meses coas mesmas condicións e para que a veciñanza sexa atendida dignamente”.
Peleteiro Vázquez critica a postura do PP e afirma que “falan de defender o rural, pero a realidade é que os servizos no rural están cada vez máis esquecidos”. No vindeiro pleno municipal, as concelleiras socialistas presentarán unha moción neste senso, na que agardan contar co respaldo do resto de forzas para a “defensa da sanidade pública en Punxín”, xa que tal e como apuntan “a nosa veciñanza así o merecen”.
Pola súa banda, a deputada autonómica do PSdeG-PSOE de Ourense, Marina Ortega Otero, afirma que os e as socialistas “reclamamos unha sanidade pública de calidade e proximidade para a veciñanza”. A parlamentaria socialista puxo o foco en que dende o PSOE “reivindicamos que en Valdeorras, Verín, no CHUO e nos centros de saúde das aldeas, que están a sufrir a falta de previsión por parte da Xunta, xa que non ten contempladas as xubilacións, se aposte por reforzar os servizos”. Neste senso, fixo fincapé en que Punxín “é o reflexo desta premisa e o que está a suceder é que dende que a médica se xubilou existe unha deficiencia na atención, non só de horario, senón que ademais comparten facultativo con outro concello, algo que non podemos permitir”.
Ortega Otero acusa ao goberno galego do Partido Popular de “vender a lei de demografía a bombo e platillo e con moito marketing, que non serve para nada se realmente non se blindan servizos básicos no rural como a sanidade, a educación e os servizos sociais”. Neste senso, apunta a que “seguiremos cos mesmos problemas demográficos e cos peores datos vexetativos do conxunto de Galicia e do Estado, namentres non se aposte de xeito decidido por políticas positivas e que non discriminen o rural”. Por último, afirma que “non podemos permitir que Ourense siga á cola e que o goberno galego siga a discriminar a provincia e por iso levaremos ao Parlamento de Galicia esta reivindicación”.
O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, fixo fincapé en que o que está a ocorrer en Punxín “é un caso máis do que está a pasar nunha provincia que padece a desatención da veciñanza e das persoas maiores”. O voceiro dos socialistas ourensáns na Deputación de Ourense tamén se pregunta “que destino lle queda á xente que desexa establecerse e vivir nos pequenos concellos?” e sinala que “parece que para o PP ningún, posto que levan a cabo un recorte constante e masivo de recursos sanitarios, e iso leva a unha situación case sen saída”.
Villarino aféalle ao PP que “bote as culpas a Madrid dunhas competencias que son autonómicas, en lugar de poñer máis prazas de médico a dispor da cidadanía”. O líder dos socialistas ourensáns destaca que “queremos que o rural sexa un lugar digno para vivir e non imos permitir que a Xunta se esqueza de Punxín, nin de Ourense, polo que vimos de solicitar esa sensibilidade que precisamos con recursos e con feitos”. Por último, sinala que “no caso de non mellorar a situación, a xente rematará por marchar de todos os pequenos núcleos rurais que nutren esta provincia, algo que será letal para Ourense”.