Os Socialistas do Irixo denuncian o sistemático incumprimento do acordo para a celebración dos plenos
O portavoz, Javier Rodríguez, sinala que dende hai un ano o Concello convoca os plenos ás 9.30 horas, obstaculizando a presencia da oposición nos mesmos, e incumprindo a legalidade. Lembra que ao inicio desta lexislatura aprobouse en pleno a celebración dos plenos o cuarto xoves cada dous meses ás 20.30 horas, pero o último pleno que tivo lugar a esta hora foi o do 28 de decembro de 2009. Rodríguez sinala que de forma reiterada pediu nos plenos que se cumprira o acordado, e mesmo presentou un escrito no Concello solicitando que se cumprira a lei, xa que se está vulnerando un dereito fundamental dos concelleiros da oposición e pode ser constitutivo de delicto.
O edil socialista manifesta que con esta forma de actuar o Partido Popular pon dificultades á oposición para acudir aos plenos e exercer o control da acción de goberno, xa que excepto no caso de funcionarios públicos os empregados de empresas privadas non poden faltar ao seu traballo cada vez que hai un pleno. Rodríguez critica esta actitude que amosa unha falta de respecto á democracia, e lamenta que o Irixo se una á estratexia do Partido Popular de Galicia de non convocar as sesión plenarias cando corresponde, vulnerando os dereitos dos cidadáns aos que representa a oposición.