Os socialistas inician a campaña convencidos de acabar coa maioria absoluta do Partido Popular
O candidato do PSdeG á alcaldía do Carballiño, Paco Fumega, avanzou que segundo as enquisas que manexan os socialistas "a cidadanía castigaría ao actual alcalde, Argimiro Marnotes, quen perdería a maioría absoluta nas vindeiras eleccións do 24 de Maio. Ademais, case un 70% dos carballiñeses amósanse favorables a un cambio de rumbo na política municipal actual", afirman.
A enquisa, que según o PSdeG incluíu mais de 350 entrevistas," non só constata que os carballiñeses queren un cambio de goberno no Carballiño, senón que Paco Fumega é o candidato mellor valorado".
Paco Fumega, que foi o encargado de presentar os resultados desta enquisa que tería feito a nivel interno o partido a nivel local, subliñou que “O Carballiño sufriu nestes catro anos un retroceso evidente a todos os niveis, e queremos recuperar o que foi esta vila cun programa con mais dun cento de propostas moi concretas en torno a unha aposta decidida polo emprego, a mellora da economía e a defensa dos servizos públicos”.
Avanzou que as propostas que conforman o programa dos socialistas presentaránse aos cidadáns “nunha campaña moi participativa, na que todos os membros da candidatura estaremos permanentemente na rúa para falar cos veciños dos barrios e das parroquias, con máis de 50 actos e un mitin central”. Ademais diariamente proxectaránse nun vídeo na fachada da sede do PSdeG, na Rúa Principal, ao igual que se fixo onte no acto de pegada de carteis.
Contra a operación de compra da casa da antiga Ferraxería Soto
Así, a pesar de que a compra da Casa Soto "é un desexo de boa parte da cidadanía, a maior parte dos carballiñeses están indignados porque consideran que este non é o momento de facer un gasto tan elevado, de ata 1, 7 millóns de euros. E menos aínda despois de sufrir unha suba de impostos e taxas municipais e de pasar catro anos escoitando ao alcalde afirmar que non hai cartos para cousas como iluminación, limpeza, asfaltado, servizos públicos, actividades deportivas, conservatorio ou calefacción na biblioteca, por exemplo".
Ademais, aseguran desde o PSdeG carballliñés que "tras consultar a profesionais do sector, todos coinciden en que o prezo que pagará o Concello polo inmoble é excesivo, polo que non se entende cal é a presa do alcalde por levar a cabo esta compra dun xeito totalmente arbitrario e que roza a ilegalidade, xa que non conta con informes municipais nin taxación previa".
O PSdeG pregúntase cales son os intereses que moven ao alcalde "a levar a cabo esta operación, porque está claro que non é polo interese dos cidadáns. Non é lóxico que nun momento de dificultade económica compre un inmoble por un prezo mais elevado do que debería e que ademais hipoteque ao futuro goberno municipal para os vindeiros anos".