Os socialistas inician unha campaña en defensa da continuidade do Partido Xudicial e critican a actitude de Marnotes
O Grupo Municipal do PSdeG reclamou hoxe que se manteña o partido xudicial do Carballiño e criticou o anteproxecto de Lei do Goberno que pretende crear un partido xudicial único por provincia.
Os concelleiros socialistas Adolfo Nogueira e Yolanda Otero explicaron que esta reforma suporá que os veciños de toda a comarca terán que desprazarse aos xulgados de Ourense para calquera xestión, o que sumado á suba das taxas xudiciais será “un golpe mortal ao dereito igualitario de todos os cidadáns para acceder á xustiza”.
Nogueira apuntou que a centralización en Ourense implicará unha maior lentitude na resolución das causas xudiciais, ademais dun novo ataque aos dereitos da cidadanía. Apuntou que os socialistas levan dende 2012 presentando iniciativas contra esta reforma e advertindo do que ía suceder.
Neste senso, acusan ao alcalde do Carballiño de enganar novamente aos cidadáns, xa que “rásgase as vestiduras ante a prensa, pero en 2012 votou en contra da moción que o PSdeG levou á Deputación provincial para que non se fixese esta reforma, e logo no Carballiño votou a favor, segundo dixo, porque lle gusta desconcertar á oposición”.
“Agora tenta poñerse a medalla de defensor, pero o certo é que en Ourense e Santiago axeónllase ante os seus xefes”, explicou Nogueira, quen lembrou que xa fixo o mesmo coa Residencia do Tempo Libre ou a incineradora.
“Hai dous anos puido facer algo por parar isto, pero tomouno como unha broma e agora estamos a punto de perder os xulgados do Carballiño”, lamentou.
Os socialistas consideran que a supresión do partido xudicial é “un novo cravo no ataúde no que Marnotes parece querer enterrar ao Carballiño”.
“De ser unha vila que contaba con todos os servizos, cada vez temos menos: a Residencia do Tempo Libre abre seis semanas, o Matadeiro leva ano e medio pechado, Protección Civil funciona grazas aos voluntarios, o Parque de Bombeiros segue sen data de apertura… O único que se abre neste pobo son baches”, afirmaron.
Os concelleiros socialistas anunciaron que emprenderan diversas medidas para concienciar a cidadanía desta situación e para impedir este agravio. Estas iniciativas pasarán pola información nas rúas e recollida de sinaturas, ademais de levar mocións aos plenos de todos os concellos da comarca pedindo que se manteña o partido xudicial do Carballiño.