Os Socialistas instan ao concello a recuperar a titularidade da carballeira do Campo para a veciñanza e negociar a cesión dos diestros de San Cosme, Parada de Labiote e outros

20, Abril 2018

O Voceiro do Grupo Municipal Socialista do Concello do Irixo, Iago Fariñas Valiña, ven de presentar unha MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DO CONCELLO DE O IRIXO PARA RECUPERAR A TITULARIDADE DA CARBALLEIRA DO CAMPO PARA A VECIÑANZA DO IRIXO E NEGOCIAR Á CESIÓN DE DIESTROS EN SAN COSME, PARADA DE LABIOTE E OUTROS DE INTERESE PARA A VECIÑANZA, en base á seguinte Exposición de motivos:

PRIMEIRO.-Que é de lamentar que dende o goberno municipal non se teña protexido nin defendido a titularidade veciñal da carballeira do Campo en beneficio de toda a veciñanza permitindo que esta fose inmatriculada polo Bispado de Ourense sen oposición algunha por parte do Concello do Irixo.

SEGUNDO.-Que o pasado 14 de abril de 2015 o Bispado de Ourense rexistrou as dúas parcelas que compoñen a carballeira do Campo incluída nas parcelas catastrais 32036A001000250000PW e 32036A001003350000PI por titulo de certificación do artigo 206 da antiga Lei hipotecaria, punto 1 que di: “El Estado, la Provincia, el Municipio y las Corporaciones de Derecho público o servicios organizados que forman parte de la estructura política de aquél y las de la Iglesia Católica, cuando carezcan del título escrito de dominio, podrán inscribir el de los bienes inmuebles que les pertenezcan mediante la oportuna certificación librada por el funcionario a cuyo cargo esté la administración de los mismos, en la que se expresará el título de adquisición o el modo en que fueron adquiridos...”

TERCEIRO.-Que o grupo de goberno do concello do Irixo non dixo nin fixo nada para defender a titularidade da carballeira do Campo que ven sendo veciñal dende tempo inmemorial.

CUARTO.- Que a titularidade da Carballeira do Campo é veciñal dende tempo inmemorial ven acreditado polo uso que se ven facendo deste espazo, celebrando a parroquia do Campo as súas festas patronais, existindo sobre a mesma ademáis varias edificacións, a máis antiga unha antiga escola hoxe reconvertida en velorio municipal, un depósito da traída de auga dos veciños e incluso nos últimos anos unha edificación tamén de pedra que serve de bar das festas patronais.

QUINTO.- Que incluso os máis vellos do lugar recordan como fai moitos moitos anos, o párroco don David quixera decotar os carballos da carballeira e os veciños non llo permitiran atendendo a esta mesma titularidade veciñal, por este feito tivo que desistir nas súa teima.

SEXTO.- Que máis recentemente, fai uns anos, e atendendo ó sentimento de que dito espazo era veciñal, os veciños en asemblea acordaron e finalmente cortaron uns eucaliptos xa ben vellos nas cercanías do velorio.

SÉTIMO.- Que é lamentable que incluso o goberno municipal, se quixera, podería haberse adiantado ó Bispado e por este mesmo artigo 206 da antiga Lei hipotecaria puido no seu día rexistrar esta carballeira, polo menos como propiedade municipal, para desfrute e garantía de que sempre podería ser usada libremente por toda a veciñanza sen restricións.

OITAVO.- Que o único certo é que o goberno municipal , non fixo nada, nin antes nin despois do rexistro da carballeira do Campo por parte do Bispado, deixando que a veciñanza perdese a posesión dunha propiedade que ven posuíndo dende tempo inmemorial.

NOVENO.- Que para colmo de males, o grupo de goberno no pleno do pasado 21 de decembro aprobou a firma dun convenio co Bispado de Ourense, para a cesión da carballeira do Campo por un período de 15 anos recoñecendo así cos actos propios a titularidade da carballeira do Campo como do Bispado segundo a chamada doutrina dos actos propios ou regra que decreta a inadmisibilidade de “venire contra factum propium”, significa a vinculación do autor dunha declaración de vontade xeneralmente de carácter tácito ó sentido obxectivo da mesma e a imposibilidade de adoptar despois un comportamento contraditorio, o que encontra o seu fundamento último na protección que obxectivamente require a confianza que fundadamente se puidese haber depositado no comportamento axeno e a regra da boa fe que impón o deber de coherencia no comportamento e limita por elo o exercicio dos dereitos obxectivos” (STC 73/1988, de 21 de abril). Con posterioridade, o Tribunal Supremo, a través dunha extensa xurisprudencia, establecerá as bases, requisitos e contido desta regra, pero claro está que o propio grupo de goberno regalou ó Bispado a titularidade da carballeira do Campo por pasiva primeiro e por activa despois.

DÉCIMO.- Que o grupo de goberno, como anunciou o Sr. Alcalde nos medios de comunicación, ten previsto facer obras por valor de 150 mil euros na carballeira do Campo, inversión e obras que quedarían a beneficio do Bispado de Ourense sen ningún tipo de contraprestación pasados os 15 anos do convenio aprobado podendo vender ou ceder este espazo a un terceiro que desfrutaría da inversión realizada polo concello. Que como xa se dixo no pleno ó efecto, o grupo de goberno debería antes de facer ningún tipo de actuación inversión, estudar a posibilidade de reverter dalgunha forma a titularidade da carballeira do Campo en favor do Bispado de Ourense, xa que os únicos que posuíron este espazo dende tempo inmemorial foi o conxunto dos veciños. Ademáis de todo elo, o convenio limita os actos a celebrar neste espazo.

UNDÉCIMO.- Que entendemos a présa pola firma deste convenio sen reparar en defender a titularidade veciñal da carballeira do Campo, nin antes, dixo o Sr. Alcalde no pleno que non se enteraran, nin despois entendemos por motivos electorais, xa que se pretende facer unha actuación neste espazo antes das próximas eleccións do vindeiro ano, despois de máis de 31 anos sen facer nada, para gañar favor e o voto dalgún dos máis de 500 votantes que ten a parroquia do Campo no Irixo, cando nos máis de 31 anos nunca o goberno municipal tivo présa en actuar nin arranxar este espazo.

Que dito todo o anterior, para defender os intereses da veciñanza en xeral ademáis da titularidade veciñal da carballeira do Campo, o Grupo Municipal Socialista do Concello de O Irixo presenta para a súa consideración e aceptación polo Pleno Municipal a seguinte MOCIÓN instando ó Concello a:

1º.- Que o grupo de goberno estude e documente a viabilidade de reverter dalgunha forma a titularidade da carballeira do Campo en favor da veciñanza, xa que ela foi a única que posuíu este espazo dende tempo inmemorial.

2º.- Que chegado o caso, se garantice/compense a inversión a realizar na carballeira do Campo, entre outras coa cesión gratuíta dunha franxa no diestro do campo á altura da Lama para a construción de beirarrúas así como as cesións dos diestros de San Cosme, de Parada de Labiote así como outras parcelas de interese veciñal para uso e desfrute da veciñanza e no seu caso para a utilización como aparcadoiros segundo se ten solicitado nalgún caso xa en mocións anteriores.

3º.- Que se informe puntualmente e/ou consensúe a elaboración do proxecto de mellora dos espazos da carballeira do Campo con tódolos grupos da corporación para entre todos acadar o mellor proxecto para o noso concello e garantir así o éxito da iniciativa.