Os socialistas piden ao goberno municipal de Leiro que o remanente de tesoureiría sexa máis para gasto social e menos para obras
O PSdeG-PSOE de Leiro congratúlase co anuncio de obras no concello, contando para iso coa dispoñibilidade do Remanente de Tesourería "pero nestes momentos os socialistas cremos prioritario e moi necesario que o goberno municipal e a oposición debemos focalizar todos os nosos esforzos en axudar a combater aos nosos veciños as consecuencias económicas e sociais derivadas do Covid 19", manifestan.
Consideran que "aínda que tarde, é o momento de potenciar e desenvolver as políticas sociais contando para iso co Remanente de Tesourería, tanto do Concello como da Mancomunidade do Ribeiro e complementar así aos veciños as axudas por políticas sociais tanto da Xunta como da Administración Central".
Os socialistas de Leiro entenden que debe ser éste o momento de potenciar plans de conciliación familiar, axudas para material escolar e libros, plans preventivos de desinfección, plans de axuda aos nosos autónomos, pequeno comercio e hostalería.
"Desde o PS de G-PSOE cremos que é o momento de redobrar esforzos, en base aos recursos públicos de todos, en axudar e tranquilizar a incerteza e inseguridade que invade aos nosos veciños e isto está en mans do Goberno Municipal para o que poderá contar co apoio deste grupo municipal", subliñan no seu comunicado os socialistas.