Os Socialistas piden que Marnotes dimita como Deputado Provincial
A secretaria de Organización Provincial do PSdeG, María Quintas, e o portavoz socialista na Deputación, José Ignacio Gómez, pediron en rolda de prensa a dimisión como deputado provincial do alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, “por ter mentido aos cidadáns e non respetar as institucións”.Gómez cualificou de “feito grave e sen precedentes” que por primeira vez en 20 anos o Presidente da Deputación se negue a debater unha moción socialista cun argumento como que “non lle van dicir a el os do Carballiño o que ten que facer”.
Os socialistas anunciaron que utilizarán todas as vías legais para intentar que a moción sexa debatida na institución provincial, onde consideran que o Sr. Marnotes debe dimitir, xa que estase contradicindo co que aprobou como alcalde hai menos dun mes e o propio presidente “o está poñendo en entredito”.
O deputado explicou que os socialistas preguntaron onte en comisión informativa se existe o informe xurídico do que falou o PP durante estes días para evitar o debate da moción, pero a resposta foi que se trata dun informe verbal, polo que sinalou que en dereito administrativo os informes verbais serven para informarse pero para xustificar as accións os informes deben ser firmados.
Gómez dixo que esixirán que se lles entregue o “famoso informe” co que o PP intenta “taparlle a boca ao grupo maioritario da oposición” no debate dun problema o suficientemente importante para a nosa provincia.
Así, dixo que aínda que a potestade de incluír a moción na orde do día do vindeiro pleno do Presidente, esta decisión demostra “covardía política” amparándose nunha mentira sobre as supostas diferenzas semánticas entre a moción aprobada no Carballiño e a presentada na Deputación
Lembrando as propias manifestacións de Baltar nas que afirmaba que rexeitaría a incineradora onde houbera oposición veciñal, apuntou que “hoxe saen os viticultores tamén amosando o seu rexeitamento a esta macroincineradora”, ao que hai que engadir “o sentir da Igrexa, dos veciños, de asociacións ecoloxistas, dos partidos políticos, e da cidadanía en xeral”.
Tamén dixo que curiosamente neste pleno se debaterá de novo unha moción sobre a Estación de Manzaneda, porque “como non debe ser doutro xeito” os grupos políticos levan ás institucións os temas “candentes” e que preocupan aos cidadáns “as veces que faga falta”.
Ademais salientou as continuas contradiccións dos dirixentes do PP sobre este asunto e a dobre vara de medir do Sr. Baltar, que declara que “se é ao lado da súa casa non a quere, pero si a quere nunha comarca de 30.000 habitantes”, que Plácido Álvarez dixo entender ao alcalde do Carballiño, e que por outro lado o vicepresidente da Deputación “con dedicación exclusiva dixo que a moción se debatería tranquilamente e se votaría en consecuencia”.
A secretaria de Organización Provincial, María Quintas, afirmou que “o verdadeiro culpable do mal de Ourense é o Sr. Feijóo” que adxudica pola porta de atrás esta incineradora “despois de estar un ano calado, coa connivencia do clan Baltar, porque estabamos en eleccións”.
Quintas pediu “un pouco de seriedade e respeto” ao PP, que nun momento de crise que afectou moi profundamente á provincia de Ourense, se permitiu facer promesas como a fábrica de coches eléctricos e xogar coa ubicación da incineradora.
Dixo que o Sr. Marnotes ten que dimitir porque el votou si á incineración, declarou en rolda de prensa que estaba encantado, e mes e medio despois “botou contas de cantos cidadáns estaban preocupados pola súa saúde e montou unha escenografía patrocinada por Baltar”.
Así mesmo, Quintas pediu a Marnotes que dea unha rolda de prensa e conte o que pasou na reunión que tivo co conselleiro despois do pleno municipal, e censurou a falta de apoio da Xunta ás comarcas do Carballiño e o Ribeiro nos seus orzamentos.
Neste sentido dixo que “xa hai que ser miserables” para que nun momento de paro se xogue con “300 postos de traballo, que son mentira, a cambio de saúde”.
Subliñou a importancia desta decisión para o futuro do viño, do turismo, e do termalismo da comarca que se verán “hipotecados” por esta incineradora, e manifestou a total oposición do PSOE á incineración, polo que os socialistas estarán presentes na manifestación do vindeiro 29 de xaneiro no Carballiño e presentarán iniciativas en todas as institucións.