Os socialistas piden unha reducción do IBI e a conxelación de taxas municipais para 2014

28, Decembro 2013

O Grupo Municipal Socialista do Carballiño presentou alegacións ás Ordenanzas Fiscais do 2014, que se debaterán no pleno extraordinario deste luns 30 de Decembro.  Pide ao Grupo de Goberno a reducción do IBI e a conxelación das taxas da recollida do lixo. Así mesmo, piden a conxelación e taxas do servizo do Conservatorio e Escola de Música, das licenzas urbanísticas e do ICIO, e a revisión dos impostos para vados, aparcamentos na vía pública e carga e descarga.

 Os socialistas carballiñeses consideran que o Concello debe ter en conta “as dificultades económicas que atravesan os cidadáns, que xa sufriron una suba considerable de taxas nas Ordenanzas Fiscais do 2013, en aplicación do Plan de Axuste Municipal aprobado polo PP”.

 Critican por elo a “avaricia recadatoria” do alcalde, Argimiro Marnotes, e o seu equipo de goberno “que por terceiro ano consecutivo arremete contra as familias subindo os impostos,  sen que vexamos un incremento nas inversión que se fan no pobo”.

 Por elo, piden nas súas alegacións a redución do IBI, establecido no 0,6% para o IBI urbano; así como a recuperación da bonificación por domiciliación de recibos en todas as taxas públicas. Lembran que Marnotes prometera baixar a contribución e outras taxas “algo do que, ou ben xa se esqueceu, ou nunca pensou en cumprir”.

 Os socialistas carballiñeses tamén demandan a conxelación da taxa pola prestación do servizo do Conservatorio e Escola de Música, ás que o Goberno municipal do PP pretende aplicar un 20% de incremento sobre as tarifas establecidas.

Na mesma liña, consideran abusivo o incremento da taxa por licenzas urbanísticas, tendo en conta a situación que atravesa o sector da construción, polo que esixen tanto a conxelación desta taxa, como da que regula o ICIO, e que repercutiría nas iniciativas empresariais que se poidan desenvolver no Carballiño. Os socialistas piden ademais que o Concello estude a posibilidade de estender as bonificacións a calquera emprendedor que inicie unha nova actividade empresarial ou que garanta a creación ou continuidade de postos de traballo.

 Vados e recollida do lixo

Os socialistas carballiñeses esixen tamén nas súas alegacións a conxelación da taxa de recollida de lixo e residuos sólidos urbanos durante todo o ano 2014, e non só durante o primeiro semestre como anunciou o Concello. Lembran que a intención do PP era subir esta taxa un 12% debido ao incremento do canon de Sogama “algo que os socialistas rexeitamos dende o primeiro momento”.

 Critican ademais a “frivolidade” amosada por Marnotes nesta cuestión, xa que primeiro anuncia a suba, logo di que se conxela a taxa no primeiro semestre e agora que xa non sabe. “Pensa máis en cumprir o que lle dita o seu partido que nos intereses dos cidadáns”, apuntan os socialistas.

Por último, instan ao Concello a modificar a ordenanza que regula as taxas por vados, aparcamento e carga e descarga “que é certamente abusiva para os carballiñeses”.