Os socialistas propoñen que o concello do Irixo poña en marcha un servizo de transporte municipal e se integre na mesa de traballo para a mellora do transporte público na comarca

10, Maio 2016

O concelleiro socialista do Irixo Iago Faríñas reuníuse co alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, para achegarlle as súas ideas en canto á mellora dos servizos públicos de transporte na comarca.

O Portavoz do Grupo Municipal Socialista no Concello do Irixo, Iago Fariñas Valiña, vén de presentar sendas mocións para ser debatidas no próximo pleno instando ao Concello de O IRIXO a que SE UNA Á MESA DE TRABALLO OU PLATAFORMA PARA TRABALLAR E DEFENDER O TRANSPORTE PÚBLICO EN TODA A COMARCA e, por outra banda, a que O CONCELLO DO IRIXO POÑA EN MARCHA UN TRANSPORTE PÚBLICO MUNICIPAL ENTRE O IRIXO E O CARBALLIÑO ADEMAIS DE PROPOÑER Á MESA DE TRABALLO E/OU PLATAFORMA PARA A DEFENSA DO TRANSPORTE PÚBLICO EN TODA A COMARCA, A CREACIÓN DE AUTOBUSES-LANZADEIRA ENTRE O CARBALLIÑO E OURENSE PARA TODA A COMARCA.

Así o indica o Portavoz, Iago Fariñas: “Todos coñecemos o pésimo estado no que se encontran, na actualidade, as comunicacións entre os distintos pobos e vilas da comarca do Carballiño, incluído o noso Concello do Irixo. Na actualidade, os veciños e veciñas do Irixo, só dispoñen dun medio de transporte público para poder desprazarse fóra do concello, concretamente un só tren ó día a Ourense que pasa polo Carballiño e que deixa totalmente incomunicado ó noso concello” “Que se ben é certo, que se teñen presentado iniciativas para que a empresa ferroviaria mellore as frecuencias de trens entre os distintos concellos, a verdade é que, atendendo a criterios economicistas, estase lonxe de mellorar estas frecuencias e este servizo público de transporte, redúcese, cada vez máis, ata deixar á poboación do Irixo case incomunicada; de seguir así non é moi difícil, deducir, que este transporte, de seguro, rematará por desaparecer totalmente”.

Por outra banda, os socialistas do Irixo, indican que a vila do Carballiño, como cabeceira de comarca, vén de crear unha mesa de traballo entre tódolos grupos políticos que forman a súa corporación para traballar a favor de artellar solucións a esta crítica situación, como é a falta de medios de transporte públicos que conecten a comarca con outras cidades ou vilas como, por exemplo, Ourense. Polo tanto, enténdese totalmente necesario que o Concello do Irixo, como parte desta comarca, se integre nesta mesa de traballo e/ou plataforma para traballar e defender o transporte público en toda a comarca. Así pois as cousas, o Grupo Municipal Socialista do Concello do Irixo presentou para a súa consideración e, dada a importancia do transporte público para comunicar ás persoas e neste caso ós veciños e veciñas do Irixo, e dada a situación do case que inexistente transporte público que comunica ós veciños e veciñas de O Irixo co resto da comarca, con Carballiño, con Ourense, etc., insta ó Pleno municipal á adopción dos seguintes ACORDOS:

1º.- Que o Concello do Irixo solicite ó Concello de Carballiño integrarse na MESA DE TRABALLO E/OU PLATAFORMA PARA TRABALLAR E DEFENDER O TRANSPORTE PÚBLICO EN TODA A COMARCA. 2º.- Que, no seu caso, se nomee como representantes do Concello, en dita mesa de traballo e/ou plataforma, a un representante de cada grupo político desta corporación municipal. Dado que se vén de crear, recentemente, esa mesa de traballo, os socialistas do Irixo, consideran imprescindible que o Concello do Irixo se integre, como parte da comarca do Carballiño, cunha representación de tódolos grupos que forman a súa corporación en dita mesa de traballo e/ou plataforma para traballar e defender o transporte público na nosa comarca.

Os socialistas entenden que a integración deste concello en dita mesa de traballo, debe ser dunha forma totalmente activa para poder defender e mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas e defender en definitiva: “O noso concello, os seus intereses e a súa supervivencia que se ve ameazada, entre outras moitas cousas, pola situación de incomunicación que sufrimos na actualidade coa práctica inexistencia de medios de transporte públicos que conecten ó noso concello coa capital da comarca, Carballiño, e a cidade de Ourense, entre outras”, engade Iago Fariñas.

“Entendemos que O Irixo, como un dos concellos máis extensos da provincia de Ourense, debería poñer en marcha o seu propio transporte público municipal, que debería conectar tódolos pobos e parroquias coa vila do Carballiño”, declara o Portavoz. O Grupo Municipal Socialista, tamén entende que debe ser, na vila do Carballiño, onde se deberían concentrar os viaxeiros e veciños e veciñas de toda a comarca para despois, mediante AUTOBUSES-LANZADEIRA ENTRE O CARBALLIÑO E OURENSE, e sufragados entre tódolos concellos da comarca, comunicar a tódolos residentes na comarca con Ourense e, de ser o caso, con outras vilas e cidades. E que se deberían, en todo caso, salvar os trámites administrativos preceptivos e estudar as frecuencias e horarios máis axeitados para tódolos veciños e veciñas da comarca, posibilitando así diariamente un transporte áxil e eficaz entre tódolos concellos da comarca e a propia vila do Carballiño e Ourense e, dependendo da súa demanda, amplialo a outras vilas e cidades.

Polo que, en base ao anterior, o Grupo Municipal Socialista do Concello do Irixo presentou, para a súa consideración, e dada a importancia do transporte público para comunicar ás persoas e neste caso, ós veciños/as do Irixo, unha moción na que insta ó Pleno municipal á adopción dos seguintes ACORDOS: 1º.- Que o Concello de O Irixo poña en marcha un transporte público municipal entre o concello do Irixo e a vila do Carballiño. 2º.- Que o Concello de O Irixo propoña á mesa de traballo e/ou plataforma para traballar e defender o transporte público en toda a comarca a CREACIÓN DUNS AUTOBUSES-LANZADEIRA ENTRE O CARBALLIÑO E OURENSE a sufragar entre tódolos concellos da comarca segundo o reseñado na presente moción.