Os socialistas propoñen recuperar a feira de Leiro. Tamén demandan un programa municipal de conciliación.
O PSdeG-PSOE de Leiro vén de presentar unha moción para o seu debate na sesión plenaria municipal do vindeiro 27 de xuño na que insta ao Concello á posta en marcha do servizo coñecido como “familias madrugadoras” no colexio público Emilia Pardo Bazán e coincidindo co inicio do curso escolar 2022/2023. Os socialistas explican que con esta moción pretenden “facilitar” a conciliación laboral e familiar e atraer poboación ao municipio cun servizo “esencial nos tempos que corren”.
Dende o Grupo Municipal Socialista destacan que esta medida consistiría na “ampliación” do horario de apertura durante os días lectivos, é dicir que o servizo desenvolveríase no período anterior o comezo das actividades docentes. Os socialistas consideran de “vital importancia” instaurar un sistema que permita facer “compatibles” as diferentes facetas da vida, o emprego, a familia e o tempo persoal. Apostan por un servizo que segundo afirman “permitiría atraer novas parellas ao noso municipio, que non teñan que marcharse as que contan con crianzas en idade escolar” e subliñan que “sairiamos gañando todos, tanto so pais e nais, como as crianzas e o municipio que podería aumentar a súa poboación”.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, fai fincapé en que coa implantación do programa familias madrugadoras “melloraríase a conciliación tanto no laboral como no persoal, contribuíndo a que as persoas con fillos a cargo puidesen deixar aos mesmos no centro escolar antes de ir a traballar”. O edil socialista afirma que con esta iniciativa “pretendemos dar as mesmas oportunidades aos veciños e veciñas de Leiro e beneficiar a súa calidade de vida, gozando dun servizo que atenda aos seus fillos e fillas antes do comezo das horas lectivas”. Rodríguez Vázquez salienta que o Concello de Leiro “non pode mirar para outro lado e debe levar a cabo este servizo de conciliación” e destaca que “o PP non pode ser alleo a esta problemática e ten que afrontar un problema que padecen moitas familias do noso termo municipal e que lles impide que poidan realizar unha correcta conciliación familiar, laboral e persoal”.
O PSdeG-PSOE de Leiro tamén presenta outra moción na que insta ao goberno municipal a que se estableza de xeito “mensual” unha feira popular no municipio, con data preferente para a súa celebración o día 24 de cada mes, xa que tal e como explican “era cando se celebraba anteriormente, ata a súa desaparición nos anos 1963 e 1964”. Os socialistas explican que están abertos a un posible cambio de data en caso de “consenso” dos diferentes grupos políticos, pero argumentan que o 24 “serviría como recoñecemento aos nosos antepasados, xa que era a data na que se celebraba dita feira”. Os socialistas de Leiro tamén piden “consenso político” para seleccionar o lugar no que se celebrará e a organización para “garantir” o seu correcto desenvolvemento.
Dende o PSOE de Leiro destacan que “dende sempre na nosa comunidade, as feiras populares serven para promover, difundir e rescatar valores e tradicións da nosa cultura, tanto a través da gastronomía, como da artesanía e dos produtos locais”. Manuel Rodríguez afirma que un evento desta magnitude “contribúe a romper a estacionalidade e a fortalecer ao municipio como destino turístico, cunha identidade propia e que ademais xere un impacto social”. O edil socialista considera que a feira popular serviría como iniciativa para “impulsar” o desenvolvemento económico do territorio e “mellorar” a calidade de vida dos veciños e veciñas de Leiro. Os socialistas avogan por unha feira que serva de pulo para os produtos de Leiro, xa sexan ecolóxicos, maquinaria agrícola, produtos naturais, maquinaria das adegas, comestibles, artesanía ou agro.
No pleno municipal do vindeiro luns, 27 de xuño, o PSdeG-PSOE de Leiro defenderá dúas mocións máis. Na primeira delas instan a que o Concello “leve a cabo un plan de sinalización xeral das diferentes aldeas e dos accesos aos núcleos de poboación e lugares de interese”. Na segunda piden a creación dunha comisión de traballo, representada por todos os grupos políticos da corporación municipal, na que “se elabore unha liña de apoio a emprendedores para a creación de novos negocios no noso municipio”.