Os Socialistas reivindican a Comarca "como espazo libre de incineración"

5, Xuño 2012

No Día Mundial do Medio Ambiente,a Agrupación Local do PSdeG-PSOE do Carballiño fai unha proclama de rexeitamento contra "a intención da Xunta de Galicia de instalar unha planta de incineración no concello do Irixo".

Os socialistas do Carballiño entenden "que a construción dunha incineradora implica a liberación á atmósfera de dioxinas, furanos e metais pesados que son elementos canceríxenos e aumentan gravemente as patoloxías asmáticas e enfermidades pulmonares, entre outras".

"Gases ácidos precursores da choiva ácida e outra series de gases e compostos altamente tóxicos son liberados pola incineración, xa que xera un 20-30% de residuos en forma de cinzas, ademais dunha gran cantidade de auga de lavado e residuos altamente perigosos dos electrofiltros", aseguran.

 Neste contexto -suliñan- "O Carballiño e outros concellos anexos á futura planta, veranse directamente afectados polos danos que produciría a instalación dun servizo destas características que, ademais, está pensado para eliminar os residuos da zona máis poboada de Galicia: toda a costa sur".

 Os socialistas do Carballiño reivindican as grandes potencialidades dos seus recursos naturais, que se verían gravemente afectadas, hipotecando o futuro de recursos endóxenos esenciais para a comarca, entre os que cabe destacar o termalismo, xa que está probado que estas instalacións contaminan as cuncas hídricas (superficiais e soterradas) do territorio onde se asentan.

 Advirten que ríos como o Arenteiro e o Viñao beben, na súa meirande parte, das fontes e afloramentos que nacen nas inmediacións do lugar onde se pretende ubicar esta planta.

 Os socialistas consideran que a xeración inmediata de postos de traballo, que argumentan os defensores da planta, non xustifica os danos económicos noutros importantes sectores do concello e  o resto da comarca, ademais dos danos medioambientais e contra a saúde que xa se supoñen.

“Hoxe en día, está demostrado que a incineración, ás veces disfrazada de produción enerxética, é o método de tratamento de residuos máis duro, máis custoso e máis dañino para a saúde e o medio ambiente de cantos existen, e este proxecto supón retroceder máis de vinte anos nas políticas de xestión de residuos”, conclúen.