Os socialistas urxen a posta en marcha do Parque de Bombeiros e o Grupo de Emerxencias
O portavoz do Grupo Municipal do PSdeG do Carballiño, Paco Fumega, xunto aos alcaldes de Piñor, Francisco Fraga, e de Maside, Celso Fernández, denunciaron hoxe "a ineptitude e o desleixo do goberno de Marnotes e da Xunta para conseguir que a comarca do Carballiño non quede desatendida ante as emerxencias".
Fumega afirmou que "O Carballiño está agora mesmo desprotexido dende que remataron os contratos dos operarios que atendían as emerxencias de Protección Civil, debido á ineptitude e a ineficacia que ven sendo a dinámica dos catro anos de goberno de Marnotes”.
Sinalou que “O Carballiño precisa ofrecer servizos públicos como cabeceira de comarca, e o de emerxencias é ademais un servizo fundamental do que non poden prescindir os veciños”.
Por elo considerou que “as promesas incumpridas e os parches que está a poñer Marnotes son un insulto á cidadanía e aos voluntarios de Protección Civil, que foron ninguneados por este alcalde despois de prestar un servizo exemplar”.
O alcalde de Piñor sinalou que “esta é unha mostra mais da nula preocupación da Xunta pola nosa comarca” xa que “os cidadáns están desasistidos mentres o conselleiro da Presidencia di reiteradamente que a apertura do parque de bombeiros é inminente, pero pasan os meses e non vemos esa inminencia”.
Francisco Fraga asegurou que os concellos da comarca "que adiantaron diñeiro para a compra de material para o parque de bombeiros, teñen que estar cubertos ante unha emerxencia".
Apuntou ademais que a Xunta incumpre o acordo acadado no Pacto Local de que se contaría cun equipo para a atención de emerxencias mentres non estivese operativo o parque de bombeiros. “É inconcebible que unha comarca como a do Carballiño estea totalmente desprotexida pola inacción da Xunta”.
Por elo, os socialistas esixiron “menos palabras e máis obras” e urxiron a posta en marcha dun Grumir, GES ou similar, que atenda as urxencias mentres non estea operativo o parque de bombeiros, e incluso despois como apoio a este, para atender outras incidencias que se produzan.