Para poñer fin "á inaceptable diminución do dereito á mobilidade que sofren os habitantes desta comarca" Os deputados do PP instan ao Goberno a repoñer e planificar novos servizos ferroviarios de calidade no Carballiño
Os deputados do Partido Popular pola provincia de Ourense, Ana Vázquez e Celso Delgado, rexistraron hoxe unha proposición non de lei no Congreso na que instan ao Goberno a repoñer e planificar novos servizos ferroviarios de calidade nas conexións co Carballiño, incluíndo a mellora do material móbil e atención presencial na estación, "para poñer fin á inaceptable diminución do dereito á mobilidade que sofren os habitantes desta comarca e que xa non se xustifica coa actual situación sanitaria".
Na súa iniciativa, os representantes populares destacan que O Carballiño, ademais de capital dunha importante comarca, é o segundo municipio da provincia de Ourense en poboación, con 14.089 habitantes. "Unha vila de gran tradición termal que experimentou grandes cambios e un deles derivouse da inauguración, en 1957, dunha estación de ferrocarril", lembra Celso Delgado.
Non obstante, e trala posta en servizo en decembro de 2011 da liña de alta velocidade entre Ourense-Santiago-A Coruña, operada por trens Avant e que por ser de novo trazado xa non pasa polo Carballiño, "Renfe iniciou unha paulatina redución de frecuencias dos servizos ferroviarios para os carballiñeses, tanto con Ourense como con Santiago de Compostela, agravada o pasado ano polas restricións de mobilidade impostas por motivo da pandemia da Covid-19".
"A situación a día de hoxe non pode ser máis deplorable", afirmou Delgado, explicando que Renfe só ofrece dous servizos con parada nesta vila: o tren rexional 12960 que sae de Ourense ás 15:30 e chega ao Carballiño ás 16:01 e a Santiago de Compostela ás 17:10. En sentido inverso, o mesmo tren sae de Santiago ás 17:25, chega ao Carballiño ás 18:41 e finalmente a Ourense ás 19:06.
Estes horarios, lamentou, "carecen de atractivo para a inmensa maioría dos potenciais usuarios, posto que un viaxeiro do Carballiño que salga ás 15:56 desa estación chega á capital de Galicia ás 17:10, o que imposibilita acudir a actividades laborais, asistenciais, educativas ou citas sanitarias". Ademais, "para acudir á capital da provincia, saír da vila ás 18:41 e chegar vinte e cinco minutos despois fai inviable calquera xestión similar".
Os deputados recollen na súa proposición non de lei o sentir da sociedade carballiñesa e da comarca, "onde as súas forzas políticas, organizacións sindicais, empresariais e a activa plataforma pola defensa do transporte público veñen expresando de forma reiterada o seu malestar e fastío por este abandono".
Para facer fronte a esta situación, reclaman como mínimo "a plena reposición de todos os servizos ferroviarios suprimidos con ocasión da pandemia, que se dispoñan trens de calidade e con capacidade suficiente para as persoas e as súas equipaxes, así como horarios racionais con trens á primeira hora en ambos os sentidos que permitan acudir ás cidades e aproveitar a xornada, facilitando o enlace con outras conexións que parten desde Ourense a diferentes destinos e cos futuros trens de alta velocidade, ademais de servizos especiais as fins de semana para facilitar a mobilidade dos estudantes".
"A segunda poboación en importancia de Ourense -abondou Celso Delgado- con atractivos turísticos de relevo, riqueza termal, patrimonio e co atractivo gastronómico do mellor polbo do mundo- ben merece ter na estación un servizo presencial de atención ao público que ofreza información aos viaxeiros, cando hoxe só hai a posibilidade de comprar billetes para o tren rexional nunha máquina de autovenda".
A proposición non de lei rexistrada polos deputados ourensáns inclúe os seguintes cinco puntos:
1.- Repoñer de inmediato todos os servizos ferroviarios de RENFE que tiñan parada na estación do Carballiño antes da pandemia da covid-19.
2.- Realizar unha nova planificación por parte de RENFE das frecuencias e dos horarios dos trens, de modo que haxa servizos que permitan viaxar á primeira hora en ambos os sentidos para acudir ás cidades e aproveitar a xornada, ademais de enlazar con outros que parten agora desde Ourense a diferentes destinos e cos futuros trens de alta velocidade.
3.- Establecer servizos especiais as fins de semana para posibilitar a mobilidade dos moitos estudantes de Carballiño e a súa comarca que retornan ou van ás universidades ou centros educativos das capitais.
4.- Mellorar o material móbil que opera nesta liña garantindo aos usuarios a calidade de servizos que merecen.
5.- Dotar á estación do Carballiño dun servizo de atención ao público presencial, acorde coa importancia desta poboación e os seus grandes atractivos turísticos.