Partido Popular e Espazo Común piden ao alcalde que aclare a situación no Asilo e a Fundación dos Irmáns Prieto, e Fumega defende a mellora da xestión dos últimos anos.
A oposición municipal, tanto PP como ESCO, deron a coñecer esta mañá sendas iniciativas en forma de mocións para que se traten no próximo pleno que celebre a corporación municipal do Carballiño, e nas que lle piden ao alcalde e na súa condición de membro do padroado da Fundación Irmáns Prieto Pereira, que aclare tanto a súa responsabilidade como membro nato do órgano rector da Fundación como diversas cuestións relativas á xestión na Residencia de Maiores, coñecida como o Asilo do Carballiño, que é propiedade e xestiona a Fundación promovida polos benefactores carballiñeses nos anos vinte do século pasado.
Os dous grupos políticos manifestan recoller a inquietude do pobo do Carballiño trala marcha, a mediados de 2020 das Hermanitas dos Anciáns Desamparados, e agora das Servas de Xesús, que tomaran o relevo no Asilo en Setembro dese mesmo ano. Este pasado lúns transcendía a súa marcha, tras unha curta etapa no Carballiño.
O Partido Popular demandará que "a partir de agora o alcalde informe semestralmente ao pleno da corporacón da súa actividade como patrón da Fundación, e dea conta das actas das reuniíons mantidas polo padroado nos últimos dous anos, tamén que se expliquen as razóns da marcha das relixiosas". Pola súa parte, Espazo Común, manifesta que "a situación no asilo preocupa no Carballiño e o alcalde Fumega esconde información" polo que demandará tamen ante o pleno "que se aclara toda a situación desta entidade sen ánimo de lucro, o asilo de toda vida".
O alcalde Francisco Fumega aproveitou unha entrevista hoxe en COPE O Carballiño para manifestar a súa opinión sobre este asunto. O rexedor municipal entende que trátase dunha fundación do século pasado que hai que adaptar á realidade actúal, que nada ten xa que ver cos tempos nos que os fundadores comezaron con esta gran obra social, e neste contexto, Fumega dixo que a xestión no Asilo foi mellorando nos últimos anos.
O PODCAST coa entrevista íntegra ao alcalde do Carballiño podes descargalo nesta mesma WEB, no programa deste mércores dia 12 de Xaneiro de 2021.