Pemes, autónomos e entidades de economia social poden solicitar as axudas do programa Reactiva comercio, que concede a Xunta
As pemes, autónomos e entidades de economía social galegas poden solicitar ata o vindeiro 17 de agosto as axudas do programa Reactiva comercio e servizos seguros. A Xunta activou estes apoios, con achegas de ata 3000 euros para implantar nos negocios medidas de protección fronte á covid-19, co obxectivo de facilitar a volta á actividade dos sectores do comercio, o turismo, os servizos e o transporte en condicións de confianza para os consumidores.
Os apoios cobren os gastos tanto das medidas que se implanten agora como das xa realizadas desde a declaración do estado de alarma, mediante unha tramitación rápida e sinxela, que inclúe a achega de anticipos no momento da resolución favorable da axuda pola metade da contía dos investimentos realizados. Cunha dotación total de 16 millóns de euros, nesta iniciativa colaboran as consellerías de Economía, Emprego e Industria; Cultura e Turismo (no marco do plan Galicia destino seguro); e Infraestruturas e Mobilidade.
As axudas poden destinarse á adquisición de equipos de protección individual e de desinfección; a adaptación dos espazos con equipamento de seguridade e redución do contacto entre persoas; a realización das obras de renovación, limpeza e ventilación do aire; e a posta á disposición dos clientes de información relativa ás medidas hixiénicas e de protección. Así, os establecementos comerciais, empresas do sector turístico e salóns de peiteado de menos de 10 traballadores poden obter apoios polo 100% das medidas activadas, desde 300 a 1200 euros. Por outro lado, as pemes de menos de 50 traballadores tanto destes sectores como do transporte, os servizos e as actividades profesionais poden beneficiarse de apoios directos do 80% do custo nas medidas de seguridade precisas, desde un mínimo de investimento de 1500 euros ata un máximo de 3750, sendo polo tanto a axuda máxima de 3000 euros.