Plataforma Masidá constitúese en asociación e afirma que o alcalde de Maside está servindo a intereses particulares e non ao interese xeral"
Plataformá Masidá asinou a súa Acta Fundacional para constituírse como Asociación. A plataforma elixiu como escenario da súa constitución, o monte veciñal de Bouzas, "sobre o que se pretende construír a planta de incineración de neumáticos, talando 20.000 m2 ricos en flora e fauna, contaminando o aire e o acuífero que fornece de auga ao complexo mineromedicinal da Rañoa", manifestan.
Desde Plataforma Masidá afirman que "o espírito da asociación é a defensa de dous bens xurídicos fundamentais: o dereito á calidade de vida e o dereito á saúde. Sosteñen que estes dous bens non son susceptibles de mercadeo interesado senón un préstamo das xeracións vindeiras".
Así mesmo, aprecian "múltiples irregularidades entre as que destacan, un absoluto segredo e falta de información, por parte do alcalde de Maside, que chegou a afirmar que se trata dunha planta de reciclaxe de neumáticos cando realmente é unha planta de valorización polo procedemento de pirólisis", subliñan dende esta asociación.
Denuncian que a visita guiada que o alcalde realizou ás instalacións da empresa que promove este proxecto, "serviu a intereses particulares e non ao interese xeral de todos os veciños de Maside".
A plataforma afirma que "o reducido grupo de comuneiros que acompañaron ao alcalde na visita se autoproclamaron como Xunta Reitora sen convocar Asemblea e seis comuneiros impugnaron a esta Xunta clandestina ante a Consellería do Medio Rural".
Finalmente, aseguran que "Tendo en conta o cúmulo de irregularidades no procedemento, poñerán todo iso en coñecemento das autoridades competentes e se fose necesario, ante os Tribunais de Xustiza".