Pobos desaloxados no Irixo, onde o lume afectou a casas no lugar de Trabazón. O incendio máis grande é o de S. Cosme de Cusanca, que supera xa as 500 hectáreas e manténse activo, tamén os de Astureses-Longoseiros.
Os lumes declarados nas últimas horas en varias localizacións dos concellos do Irixo, Boborás e O Carballiño permanecen activos nesta mañá de xoves, aínda que comezan a estabilizarse, según os datos facilitados pola Consellería do Medio Rural.
No balance non se recollen aínda outros focos activos nas ultimas horas, xa que a superficie afectada sería de momento inferior ás 100 hectáreas, aínda que no caso do incendio na parroquia de Espiñeira, no concello do Irixo, o lume afectou a casas no lugar de Trabazón, e varios pobos da parroquia foron desaloxados entrada a noite. A Consellería do Medio Rural declaraba na tarde de onta Situación 2 na área de influencia do distrito forestal XI O Ribeiro-Arenteiro.
Esta situación operativa de emerxencia decretábase pola proximidade dos lumes rexistrados nos concellos do Irixo, de Boborás e do Carballiño a diversos núcleos de poboación na contorna destes incendios. O lume do Irixo, parroquia de San Cosmede de Cusanca iniciouse ás 12,30 h. do mediodía e segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de que supera xa as 500 hectáreas. (Última actualización das 13:30 horas deste xoves, 680 hectáreas) No lugar levan traballado ata o de agora un total de 4 axentes, 17 brigadas, 10 motobombas, 1 pa, 7 avións e 11 helicópteros.
O lume de Boborás, parroquia de Astureses, comezou ás 17,30 h. e permanece tamén activo, según os últimos datos aportados por Medio Rural a superficie afectada supera as 120 hectáreas. No lugar están a traballar 1 axente, 2 brigadas e 1 motobomba.
O lume rexistrado no concello do Carballiño, parroquia de Longoseiros, iniciouse ás 15,51 h. da tarde e permanece tamén activo agora. No lugar están a traballar 1 axente, 3 brigadas, 1 motobomba e 2 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está ao dispor da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.