A Policia Autonómica investiga a aparición dun artefacto incendiario nun monte de Boborás
Axentes da Policía Autonómica da Xefatura de Ourense investigan a aparición dun artefacto incendiario nun monte de Boborás, que se atopaba nas inmediacións do colexio desta localidade.
Segundo os propios policías, tratase dun artefacto “de libro” confeccionado a partir dunha mecha dos antigos chisqueiros e unha coroa de arredor de oito ou dez mistos, que permitirían acender o dispositivo con tempo suficiente para abandonar a zona.
Ademais, recalcan, atopábase “situado ao carón dunha pila de material sensible para arder” polo que o seu descubrimento foi vital para evitar un novo incendio forestal intencionado. Tras facer a pertinente inspección ocular do lugar, o obxecto foi retirado e levado á Policía Científica, onde se tratará de esclarecer quen o quenes foron os seus autores.
A Xunta lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.
Ademais, tamén está a súa disposición o número de emerxencias común, o 112, un teléfono gratuíto e dispoñible as 24 horas, todos os días do ano.