"Polos Veciños" pretende sacar a O Irixo "do abandono e deterioro dos últimos anos"
A agrupación veciñal POLOS VECIÑOS preséntase por primeira vez a Alcaldía do Irixo "motivada polo abandono e o deterioro que está a sufrir o Concello nos últimos anos. Parece que O Irixo e os seus veciños só existen en época electoral, os 47 meses restantes ignóranse ou non se teñen en conta as súas reivindicacións". O acto de presentación da candidatura tivo lugar na antiga escola de San Cosme.
Manifestan que "ningún membro desta Agrupación pode entender como Manuel Penedo pode dicir sentirse orgulloso dos seus logros, cando quedan moitas cousas básicas por facer".
Engaden que "ningún alcalde pode sentirse orgulloso de que sexan os propios veciños das aldeas, cos seus medios e recursos, ante a impasividade municipal, os que se vexan obrigados a construír e modernizar os seus propios abastecementos de auga potable".
"Como alguén se pode sentir orgulloso do dubidoso funcionamento das depuradoras de augas fecais, así como o sistema utilizado polo concello para a destrución dos lodos das mesmas", pregúntanse. Como pode sentirse orgulloso “Por aforrar o máximo para casos de necesidade” pero desatendendo a unha poboación envellecida a que recoñece que non se pode coidar contratando a catro auxiliares de axuda a domicilio máis. ¿Acaso no Irixo isto non entra dentro da categoría de “NECESIDADE”?
Ningún alcalde debe sentirse orgulloso - contiúnan- da discriminación que se fai das empresas do Irixo na adxudicación de obra pública municipal. Empresas ás que se castiga tamén ca falta de solo empresarial no concello, motivado polo desinterese municipal na elaboración de algo tan básico é fundamental como o Plan Xeral De Ordenación Municipal (P.X.O.M). Igual desinterese na falta de apoio necesario para emprendedores aos que lle resulta máis fácil “emprender camiño de Alemania ou Suíza” segundo palabras do rexedor, que abrir un negocio neste concello.
No Irixo todo son facilidades para as empresas que pisotean e desprezan os bens e dereitos dos veciños/as, destruíndo estradas e ocupando terreos que nunca volven a deslindar, como ocorreu coas obras do A.V.E. E non pasa nada, recalcan desde a candidatura "Polos veciños".
E continuan cos súas reflesións: "un alcalde NUNCA, NUNCA debe ofrecer aos seus veciños/as postos de traballo nas empresas privadas que poidan chegar a establecerse no noso concello, xa que eses postos non son emprego público, facendo uso de información privilexiada para o beneficio propio e non para defender os intereses dos seus veciños/as. FACER ISO é intentar conseguir uns votos a costa de xogar coas necesidades dos demais".
"Non debería ser orgullo dun alcalde ter prazas adoquinadas mentres haxa aldeas ás que resulte moi difícil ou case imposible o seu acceso. E, sen lugar a dúbidas, o seu orgullo máis grande é o de ser responsable do conflito social máis grave na historia do Irixo nos últimos 40 anos, xa que nunca buscou alcanzar entendemento entre opinións opostas, sempre refusou o diálogo e nunca se plantexou dar marcha atrás na súa decisión de instalar unha planta Incineradora de lixo no noso Concello, chegando a dicir e reiterar que A Incineradora póñoa por que me dá a gana”.
“POLOS VECIÑOS“ comprométese a cambiar todo ese “orgullo” por “humildade” ante todos os veciños e veciñas do Irixo, sendo nós os que esteamos a disposición do pobo para conseguir melloras para o noso concello, dar servizos e oportunidades a todos os habitantes deste municipio "para seguir formando parte deste Irixo que somos todos".