A portavoz Rosa Outerelo critica "a pinza entre Cambio Intelixente e PP para impedir que prosperen as iniciativas socialistas"
O Grupo Municipal Socialista de Punxín denuncia a "cínica pinza existente entre Cambio Intelixente e o Partido Popular para impedir que prosperen as iniciativas dos socialistas".
"Non é a primeira vez que a autodenominada –falsamente– nova política, abraza ó PP nun verdadeiro alarde de cinismo e dobre raseiro. E que o portavoz de CI, Joaquín Moldes, xa se aliou en varias ocasións co PP para frear propostas do PSOE e, días máis tarde, se apropiou da idea socialista para vendela como propia grazas a reunións institucionais", apuntan dende a formación socialista.
No pleno de marzo,recordan, o PSOE solicitou que se puxera en marcha un obradoiro de emprego para reducir o número de desempregados mediante a asociación con outros municipios, co fin de obter axudas.
Afirman os socialistas que "Moldes votou en contra pero, pouco despois, promocionou unha xuntanza coa delegada territorial da Xunta para vender un suposto logro de seu neste sentido".
Segundo alerta a portavoz socialista local, Rosa María Outerelo, “non suporía novidade algunha que fose unha máis das numerosas reunións institucionais que Moldes vende e que resultan infrutuosas”. “A realidade é que CI funciona como apoio fiel do PP para impedir que saian adiante as nosas iniciativas, por boas que sexan, importándolle absolutamente nada se prexudica os intereses da veciñanza que di defender”, destaca Outerelo. A edil alerta de que “o suposto partido do cambio non fai outra cousa que mentirlle á veciñanza de Punxín, votando en contra nos plenos para despois, fóra de tempo e forma, vender fume e apropiarse do que non é seu”.
O PSOE de Punxín esíxenlle a Moldes que “deixe de facerlle un pé ao goberno do PP e teña respecto pola xente de Punxín que é a quen está a representar”.
Os socialistas lembran que, ao contrario que CI e o PP, o PSOE non ten reparo en apoiar canta iniciativa positiva haxa para o concello, sen importar de onde veña. Por todo isto, os socialistas "reclaman que Joaquín Moldes se retracte e recoñeza que se opuxo a unha medida que agora di defender, amosando un nulo respecto polo traballo realizado polo PSOE".